Estás en:Emprego

A Deputación presenta a ‘Guía da paisaxe’ e o mapa interactivo do Xeoparque Cabo Ortegal

Regueira destacou a importancia paisaxística do territorio e o valor da guía como ferramenta didáctica e como material para mellorar a experiencia do visitante

Os dous novos recursos enmárcanse na actuación número 26 do PSTD do Xeoparque, financiado con fondos NextGenerationEU

A Deputación presenta a ‘Guía da paisaxe’ e o mapa interactivo do Xeoparque Cabo Ortegal

O Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal conta desde hoxe con dous novos recursos: unha Guía da paisaxe e un mapa interactivo do xeoparque. Presentáronse esta mañá no castelo de Moeche, nunha rolda de prensa na que interviron o vicepresidente e titular de Turismo da Deputación, Xosé Regueira; o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (AXCO) e alcalde de Cerdido, Alberto Rey, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy.

Regueira afirmou que o novo proxecto vai ser "un dos fitos do xeoparque porque nos servirá de método de traballo para outras moitas propostas". Para o vicepresidente, a guía converterase nun documento interpretativo que achegará aínda máis a persoa que o visite á paisaxe e á riqueza patrimonial do territorio, ao tempo que cubrirá a carencia de materiais informativos dirixidos aos diferentes segmentos de visitantes. Explicou ademais que estes recursos responderán ás necesidades das persoas que se acheguen ao territorio tanto antes como durante a súa viaxe, e que contarán cunha versión dixital permanente unha vez estea operativo o novo sitio web do xeoparque.

A guía terá tamén utilidade, salientou Regueira, para a parte científica e para o persoal do xeoparque, que traballa coa experiencia da e do visitante, pero tamén para que a veciñanza coñeza mellor a súa contorna e llela poida explicar con máis argumentos ás persoas que visitan a zona.

A alcaldesa de Moeche cualificou a guía e o mapa como unha das iniciativas de maior impacto e repercusión do PSTD, pois ofrece unha panorámica de toda a riqueza do territorio, xa non só da súa paisaxe, senón da súa historia. Engadiu que a paisaxe é a que acabaron construíndo os procesos naturais, pero tamén a acción humana, e que detrás desa paisaxe están as producións forestal, agrícola, gandeira e mineira. Agardou que esta guía se converta nun impulso para o xeoparque, que atraia visitantes e que sexa unha oportunidade para decatarse de que hai moito que coidar e un territorio que desenvolver a través do turismo.

Guía e mapa

As novas guía e mapa –que se poden consultar en xeoparquecaboortegal.gal– son dúas das propostas da actuación número 26 do PSTD do xeoparque e atenden ao obxectivo de AXCO de ofrecer material divulgativo, con contido adaptado ao relato do xeoparque, sobre os diferentes recursos que compoñen a paisaxe do territorio recoñecido pola UNESCO. A guía estrutúrase en catro seccións principais que presentan os valores do xeoparque, introducen a súa xeoloxía, espazos protexidos, flora, fauna e patrimonio cultural, describen os recursos naturais e culturais e desenvolven as nove rutas autoguiadas creadas para visitar o destino, que permiten percorrer cada concello individualmente ou en combinación cos demais e que teñen unha duración de entre un e tres días para aproveitar ao máximo os recursos da zona.

A Guía da paisaxe, que inclúe códigos QR para acceder ao mapa interactivo, está dispoñible en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e ofrece unha introdución aos valores do xeoparque, describe os bens do patrimonio natural e cultural do territorio e propón nove rutas autoguiadas que constitúen propostas de visita autónoma a recursos singulares e representativos da zona, como geosites (lugares de interese xeolóxico), miradoiros, praias ou castelos.

Esa información compleméntase co mapa interactivo, onde se xeolocalizan tanto os recursos como o percorrido das rutas propostas. O compoñente visual ten gran relevancia no mapa, con imaxes de 360 graos como recurso para a divulgación da diversidade patrimonial do territorio nunha experiencia máis inmersiva.

Os novos materiais presentados hoxe súmanse ao 'Catálogo de experiencias turísticas', que se pode consultar na páxina web do Xeoparque. Nos vindeiros meses estará ademais dispoñible, tamén en formato dixital, un receitario que recollerá os datos básicos do produto máis representativo de cada un dos concellos do xeoparque, acompañados dunha receita e recomendacións para mercar e degustar os produtos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X