Regueira destaca o compromiso da Deputación cun turismo sostíbel nunha entrevista con medios internacionais
O vicepresidente defende un modelo turístico de calidade e a cooperación territorial ante xornalistas de catro países
Xosé Regueira afondou nas políticas de apoio aos concellos e nos proxectos que están a reforzar a identidade gastronómica, natural e cultural do territorio
A Coruña acolle este xoves a III Xornada de Cooperación Turística Internacional, organizada por ASICOTUR. De maneira previa, a Deputación da Coruña recibiu oficialmente unha representación da entidade promotora e concedéuselle a catro medios de comunicación de varios países unha entrevista co vicepresidente e responsábel da Área de Turismo, Xosé Regueira. O deputado explicou as principais liñas de traballo da institución provincial en materia de turismo sostíbel, cooperación territorial e proxección exterior da provincia.
Estes medios de comunicación, procedentes de México, Perú, Venezuela e España, amosaron especial interese polo modelo turístico da Deputación, polas políticas de apoio aos concellos e polos proxectos que están a reforzar a identidade gastronómica, natural e cultural do territorio.
Durante a conversa, os xornalistas interesáronse pola campaña 'A paisaxe que sabe' e polos mecanismos previstos para garantir que o turismo de calidade non derive en sobrecarga nin perda de identidade local. Tamén formularon preguntas sobre o impacto das axudas provinciais destinadas a concellos, entidades culturais, rutas de sendeirismo e vías verdes, e sobre como a Deputación impulsa unha cooperación turística efectiva entre municipios con características moi diversas.
Outro dos temas abordados foi a motivación e a orixe do novo catálogo de produtos paquetizábeis do proxecto Os Fogóns do Anllóns, así como o papel que desempeñan o sector privado, os produtores locais e os territorios na súa configuración.
A entrevista incluíu ademais cuestións relativas á estratexia provincial en materia de cooperación internacional ligada a destinos naturais como o Xeoparque de Cabo Ortegal, ás posíbeis alianzas e proxectos europeos para reforzar a proxección exterior da provincia e ao papel que pode xogar ASICOTUR neste proceso.
Tras a entrevista, o vicepresidente ofreceu a benvida institucional á delegación de ASICOTUR no salón de plenos da Deputación da Coruña. O encontro que ten lugar este xoves na Coruña reúne especialistas países como Bolivia, México, Perú, Bélxica ou Brasil e aborda ao longo do día o papel do turismo como ferramenta de desenvolvemento sostíbel, a proxección internacional do Camiño e a corresponsabilidade global nun contexto de transformación do sector.
