A Deputación da Coruña financia a mellora do local social da Asociación de Veciños Río da Ponte en San Xurxo (Ferrol)
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou o local, reformado cunha axuda de 28.000 euros da institución provincial
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou o local social da Asociación de Veciños Río da Ponte de San Xurxo (Ferrol) para supervisar o resultado das obras acometidas coa axuda da Deputación da Coruña ao abeiro da liña de subvencións para investimentos de promoción económica.
Durante a visita, a deputada destacou a importancia destas axudas provinciais "que permiten mellorar instalacións fundamentais para a vida comunitaria, especialmente en parroquias rurais onde os locais sociais son un punto de encontro imprescindible para actividades, servizos e convivencia veciñal". Capelán puxo en valor o compromiso da Deputación co fortalecemento do asociacionismo veciñal no rural.
As actuacións realizadas no edificio supuxeron unha mellora integral das súas condicións de habitabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética. Entre as intervencións realizadas incluíronse a reforma completa do aseo e do cuarto anexo, a instalación dunha rampa para garantir o acceso a persoas con mobilidade reducida, a renovación das ventás e portas, a mellora das instalacións de fontanería e electricidade, o cambio de pavimentos e o pintado interior e exterior do local. Tamén se executou un reforzo da estrutura metálica na planta baixa para incrementar a seguridade da edificación.
O investimento total ascendeu a 28.097,80 euros, financiados a través da convocatoria provincial. Segundo explicou a asociación, estas melloras responden ás condicións deficientes que tiñan as ventás, portas e instalacións.
O presidente da Asociación de Veciños Río da Ponte, Fernando José Varela Santiago, sinalou que as obras "eran moi necesarias para garantir o benestar dos usuarios e o correcto funcionamento das actividades". Subliñou ademais que o local social é un espazo moi empregado polos veciños e polas actividades impulsadas polo Concello, "polo que a mellora terá un impacto moi positivo na parroquia".
