Estás en:Emprego

O Concello de Boiro habilita unha antiga vivenda de mestres para destinala a emerxencia social co apoio da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación e o alcalde de Boiro visitaron hoxe a vivenda, que permitirá dar resposta ás situacións de emerxencia social, ofrecendo unha solución habitacional temporal pero digna ás persoas e familias que así o precisen

O Concello de Boiro habilita unha antiga vivenda de mestres para destinala a emerxencia social co apoio da Deputación da Coruña

O Concello de Boiro vén de completar as obras de rehabilitación dunha das antigas vivendas dos mestres de Praia Xardín para destinala a uso de emerxencia social. A actuación realizouse con fondos municipais e contou co apoio da Deputación da Coruña, que financia o equipamento interior a través dos fondos do POS+Social.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou esta mañá a vivenda acompañado do alcalde, José Ramón Romero, da deputada de Política Social, Mar García Vidal, e do concelleiro de Política Social, Raúl Treus, para coñecer o resultado final dos traballos. Formoso definiu o eido social como "un dos piares básicos da Deputación. Levamos a cabo da mellor maneira posible todo aquilo que ten que ver coa protección social das persoas que están desfavorecidas social e economicamente nun momento determinado" e agradeceu que "o Concello de Boiro destine os fondos, precisamente, a dar cobertura a aqueles que máis o necesitan".

O presidente provincial explicou que "neste caso investimos na rehabilitación dunha antiga casa dos mestres que estaba en desuso e que agora vai ter un uso social xa non só para Boiro, senón para toda a comarca" e reivindicou "as nosas políticas de apoio social, que nos permiten contratar máis de 300 profesionais ao ano para apoiar aos concellos na protección social, destinar 400.000 horas ao Servizo de Axuda no Fogar ou crear un novo modelo de residencias de maiores completamente distinto aoa actual, van continuar intensificándose. Despois de investir un 178 % máis no orzamento en Protección Social queda claro que, sen dúbida, é a nosa prioridade".

O alcalde, José Ramón Romero, sinalou que esta nova vivenda municipal responde a unha "necesidade que tiñamos en Boiro para casos moi concretos. É un lugar céntrico que nos vai permitir dar ese servizo social que tanto necesitabamos". Romero agradeceu á Deputación "polo investimento, xa que unha parte foi sufragada grazas ao POS Social que é extraordinario".

Este ano 2025, Boiro recibiu 2.080.019 euros do Plan Único, dos que 111.318 € corresponden ao POS Social.

A vivenda, unha construción en esquina con máis de cincuenta anos de antigüidade, non cumpría as condicións básicas de habitabilidade e precisaba dunha intervención integral. Trátase dunha casa unifamiliar de planta baixa, edificada en 1974 e cunha superficie de 104 metros cadrados distribuídos en salón-comedor, cociña con lavadoiro, corredor, baño e tres dormitorios.

As obras tiveron como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética, a impermeabilidade e o confort interior, así como renovar carpinterías, pavimentos, instalacións de fontanería e saneamento e o acabado final no interior e exterior da vivenda. A intervención supuxo un investimento municipal de 74.189 euros.

Nunha segunda fase, a vivenda foi equipada con mobiliario e cociña completa grazas a unha achega de 17.600 euros procedentes do POS+ Social da Deputación da Coruña, o que permite que o inmoble estea xa preparado para o seu uso inmediato.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X