Estás en:Emprego

A Deputación cofinancia as obras de ampliación da residencia de Boimorto, que disporá de 14 prazas máis

Valentín González Formoso visitou as obras xunto á alcaldesa María Jesús Novo e fixo entrega dun novo vehículo para os desprazamentos das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal

A Deputación cofinancia as obras de ampliación da residencia de Boimorto, que disporá de 14 prazas máis

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Boimorto xunto á alcaldesa, María Jesús Novo, e á deputada de Política Social, Mar García Vidal, para supervisar o avance das obras de ampliación da residencia de maiores da localidade, unha actuación que permitirá crear 14 novas prazas residenciais grazas ao financiamento da institución provincial.

A Deputación da Coruña achega 83.320,47 euros para esta actuación, o que supón o 13,79% do orzamento total do proxecto, que ascende a 604.150,59 euros. A ampliación permitirá incrementar a capacidade do centro de 40 a 54 prazas de residencia, ás que se suman as 20 prazas existentes no centro de día.

Formoso destacou que "este investimento responde á crecente demanda de prazas residenciais no rural e ao compromiso da Deputación de colaborar nun servizo imprenscindible para o benestar dos e das maiores como este".

As obras inclúen a construción de cinco dormitorios dobres e catro simples —un deles destinado a enfermería—, todos con baño independente, ademais de dous aseos públicos, un aseo para o persoal, un oficio limpo e outro sucio, así como a instalación do sistema de calefacción e de auga quente sanitaria.

Dende a súa apertura no ano 2011, a residencia de maiores de Boimorto foi obxecto de diferentes melloras para dar resposta ao aumento da demanda de prazas, derivada de factores como a situación sociofamiliar das persoas usuarias, o seu grao de dependencia ou as condicións de habitabilidade das vivendas.

Novo vehículo para o Servizo de Axuda no Fogar

No transcurso da visita, o presidente da Deputación fixo tamén entrega dun novo vehículo destinado ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal, que permitirá mellorar os desprazamentos das profesionais do servizo e a atención ás persoas maiores e dependentes do concello.

"As traballadoras do SAF son unha peza esencial da rede pública de coidados. Desde a Deputación queremos que poidan desenvolver o seu labor en mellores condicións, dotando aos concellos de recursos propios que faciliten os desprazamentos", subliñou Formoso, que lembrou que esta liña de axudas xurdiu tras as reunións mantidas coa profesionais do SAF en distintas comarcas da provincia, nas que se puxo de manifesto a necesidade de contar con vehículos municipais para os desprazamentos, especialmente no rural.

Con este vehículo, Boimorto forma parte dos vinte concellos da provincia que dispoñen xa dun vehículo para o SAF financiado pola Deputación da Coruña. En concreto, contan con este recurso As Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Irixoa, Mañón, Ortigueira, Outes, Tordoia, Oza-Cesuras, Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro, Coirós, Boimorto, Paderne, Dumbría, Santiso e Toques.

A Deputación da Coruña destina este ano 33,6 millóns de euros a políticas sociais, o que permite por exemplo financiar máis de 400.000 horas de axuda no fogar ou contratar a 180 profesionais dos servizos sociais nos concellos da provincia, reforzando a atención directa ás peroas máis vulnerables.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X