Agra acode en Boiro á presentación da asociación Aloumiña e á clausura de 'Ser e Sentir'
A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, participou o venres en Boiro en dous actos vencellados á promoción da igualdade, da diversidade e da vida comunitaria no rural: a presentación da Asociación de Mulleres do Rural Aloumiña e unha das actividades de peche da campaña provincial Ser e Sentir.
Sol Agra asistiu no Centro Social de Abanqueiro á presentación da Asociación de Mulleres do Rural Aloumiña, unha entidade sen ánimo de lucro impulsada por veciñas da parroquia coa finalidade de crear espazos comunitarios seguros, favorecer o benestar persoal e colectivo e fomentar a participación social no ámbito rural.
Desde a asociación explicaron que o proxecto nace coa vontade de contribuír a que o rural siga sendo un espazo atractivo para vivir e desenvolver proxectos de vida, apostando pola igualdade, a creación de comunidade e a posta en valor das oportunidades existentes fóra das grandes cidades.
Remate de Ser e Sentir
A deputada participou —tamén na localidade barbanzá— na actividade Vicio houbo sempre, da narradora Atenea García, unha proposta de narración oral para público adulto que puxo o peche á edición 2025 da campaña Ser e Sentir, impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña.
Sol Agra subliñou que Ser e Sentir non se concibiu como unha iniciativa puntual ao redor do 28 de xuño, Día da Diversidade Sexual, senón como unha campaña desenvolvida ao longo de todo o ano, cun amplo calendario de accións descentralizadas en distintos concellos da provincia para promover a igualdade, o respecto á diversidade afectivo-sexual e de identidade de xénero e a sensibilización social.
A deputada reafirmou o compromiso da Deputación da Coruña coa defensa dunha sociedade máis xusta, diversa e igualitaria, e puxo en valor tanto as campañas institucionais como o papel das iniciativas comunitarias que traballan desde o territorio para avanzar en dereitos e cohesión social.
