Estás en:Emprego
A BPDC NA PROVINCIA

Perspectivas literarias en... Ares

‘O amor e as súas perspectivas’: un encontro con narradoras galegas para afondar nas particularidades e temáticas da novela romántica, con Abril Camino, Mav Alonso e Rocío M. Bouzón.

Perspectivas literarias en... Ares

Abril Camino —Premio Xerais 2025—, Mav Alonso —Premio Círculo Rojo á mellor Novela Romántica 2024— e Rocío M. Bouzón —tamén poeta e bookstagramer con varias novelas dentro da literatura romántica— achegaranse até Ares para compartir as súas visións sobre o xénero literario.

O salón de actos da Alianza Aresana acollerá o faladoiro o vindeiro mércores, 11 de febreiro, a partir das 17:30 h., con entrada libre. A iniciativa encádrase no programa 'Perspectivas literarias' que achega a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.

Un encontro entre tres autoras galegas para debullar a súa visión da novela romántica e das temáticas que se poden desenvolver dentro dela: esa é a proposta que achega 'O amor e as súas perspectivas'.

A coruñesa Abril Camino, actual gañadora do Premio Xerais 2025 con Mulleres que viven xuntas e cunha longa carreira no eido da novela romántica; Rocío M. Bouzón, poeta, autora de prosa e bookstagramer de Vilarmaior que profundiza no amor propio de xeito intimista no seu último poemario, Rnacer; e Mav Alonso, escritora viguesa caracterizada pola mestura do xénero do thriller e romántica nas súas novelas, amais de gañadora en 2024 do Premio Círculo Rojo á mellor Novela Romántica con La herida que merezco.

Dende a experiencia traballando con diferentes formatos, transitando da poesía á novela, as tres autoras afondarán nas posibilidades expresivas e creativas que brinda o xénero a día de hoxe, mais tamén nas temáticas que se poden tratar a través del como o feminismo, as novas identidades ou a saúde mental.

Ademais, o faladoiro manterá dinámicas participativas para que toda aquela veciñanza asistente poida introducirse no diálogo e formular as súas inquedanzas ás participantes.

PERSPECTIVAS LITERARIAS: UN PROXECTO DA BIBLIOTECA PROVINCIAL PARA O FOMENTO DA LECTURA

Este encontro que terá lugar o 11 de febreiro en Ares encádrase baixo a actividade 'Perspectivas literarias' que desenvolve a Biblioteca da Deputación da Coruña, dende o pasado xaneiro até xuño.

A través desta proposta cultural, dinamízanse media ducia de bibliotecas da provincia da Coruña, entre elas a aresá, procurando fomentar a lectura entre o público adulto e xuvenil cun diálogo directo entre lectores e autores que narran dende Galicia.

Cada un dos faladoiros do programa xira en torno a un tema de actualidade social vinculado coa obra literaria dos escritores participantes, como pode ser a migración, os problemas sociais, a identidade de xénero... e busca un "novo xeito de achegar novas voces e descentralizar a cultura".

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X