A Deputación e o Concello de Coirós renovan o convenio para a xestión do Centro de Interpretación do Entorno Fluvial do río Mandeo durante 2026
O acordo garante a atención a visitantes, a conservación do inmóbel e a divulgación do patrimonio natural do espazo situado en Chelo
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, destaca que o convenio permite asegurar o funcionamento regular do centro e a súa apertura todo o ano
A Deputación da Coruña e o Concello de Coirós veñen de asinar un convenio de colaboración para a xestión integral do Centro de Interpretación do Entorno Fluvial do río Mandeo, situado no lugar de Chelo, durante a anualidade 2026. O acordo foi asinado polo deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas Corral, e polo alcalde de Coirós, Francisco Quintela Requeijo. Penas salientou que este convenio «permite garantir a apertura continuada do centro e asegurar un servizo de atención a visitantes estábel e de calidade ao longo de todo o ano».
O convenio estabelece as bases de colaboración entre ambas administracións para garantir a atención a visitantes, a conservación do inmóbel e dos bens incluídos no centro, así como a realización de actividades de divulgación e difusión relacionadas co entorno fluvial do río Mandeo. A xestión ordinaria do centro corresponderá ao Concello de Coirós, que asumirá a organización das visitas e o funcionamento do espazo durante o período de vixencia do acordo. Neste sentido, o deputado subliñou que «a cooperación entre administracións é fundamental para manter en funcionamento equipamentos públicos que cumpren unha función cultural, educativa e ambiental de primeiro nivel».
Entre as obrigas municipais recóllese a prestación do servizo de atención ao público por persoal cualificado, o mantemento das condicións de limpeza e conservación do inmóbel, así como a promoción do uso normalizado da lingua galega tanto nas visitas guiadas como nos materiais informativos e de difusión. O concello comprométese tamén a levar un control estatístico das visitas ao centro. Segundo Penas, estas condicións «garanten non só a correcta conservación do espazo, senón tamén unha experiencia de visita coherente coa importancia ambiental e patrimonial do río Mandeo».
O horario mínimo de atención ao público será, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026, os venres e sábados en horario de mañá e tarde, e os domingos só en horario de mañá, permanecendo pechado os luns e os días festivos.
A Deputación da Coruña financiará os gastos non cubertos polos ingresos da actividade até un máximo de 16 286,14 euros, o que representa o 88,81 % do total dos custos previstos. A achega provincial efectuarase mediante pagamentos trimestrais, condicionados á xustificación dos gastos e ingresos correspondentes, de acordo co establecido no convenio. O deputado de Patrimonio afirmou que esta achega «permite asegurar a viabilidade económica do servizo e reforzar a función do centro como recurso público ao servizo da cidadanía».
O acordo terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2026 até o 31 de marzo de 2027, se ben as actividades obxecto do mesmo deberán realizarse e xustificarse dentro da anualidade 2026.
