A Deputación e o Concello da Pobra apoian o emprendemento no municipio
A deputada de Emprego visitou o coworking da Pobra, un dos 12 que integran a Rede da Deputación na provincia e que acolle 30 proxectos emprendedores, a maioría en fase de preincubación
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou hoxe o Coworking A Pobra, un dos 12 espazos que forman parte da Rede Provincial de Coworkings impulsada pola Deputación ao abeiro do Plan de emprego local (PEL). A deputada estivo acompañada do alcalde, José Carlos Vidal, e da concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo.
O coworking da Pobra acolle actualmente un total de 30 proxectos emprendedores, a maioría deles en fase de preincubación, e ofrece ás persoas usuarias zonas de traballo compartido, salas de reunión, conexión a internet de alta velocidade, apoio técnico e actividades de formación e dinamización adaptadas ás necesidades de cada proxecto.
A Rede Provincial de Coworking está distribuída por distintos municipios da provincia e está orientada a promover o emprendemento e apoiar ideas de negocio e empresas de recente creación, facilitando recursos e acompañamento para transformar proxectos en iniciativas empresariais consolidadas.
Rosa Ana García interesouse polo funcionamento do centro e polas necesidades das persoas usuarias e destacou que estes espazos "non só proporcionan infraestrutura, senón que tamén favorecen a formación, a colaboración e a creación de sinerxías entre emprendedores, contribuíndo á dinamización económica local".
A deputada sinalou que a Rede Provincial de Coworking é unha ferramenta complementaria ás liñas de axuda do Plan de emprego local (PEL), xa que ofrece acompañamento técnico, formación e espazos adecuados para que as persoas emprendedoras poidan desenvolver os seus proxectos con maiores garantías.
A Rede, creada no marco do PEL, conta actualmente con 12 espazos activos en diferentes puntos da provincia e presta apoio a proxectos en sectores diversos, contribuíndo á creación de emprego e á consolidación de actividade económica tanto en ámbitos urbanos como no rural.
