Estás en:Emprego

Trinta e tres empresas e autónomos de Ordes reciben este ano apoio da Deputación a través do Plan de emprego local

O PEL impulsa a creación e consolidación de emprego no tecido produtivo do municipio

Trinta e tres empresas e autónomos de Ordes reciben este ano apoio da Deputación a través do Plan de emprego local

Un total de 33 empresas e persoas autónomas do concello de Ordes benefícianse este ano das distintas liñas de axuda do Plan de emprego local (PEL) da Deputación da Coruña, un programa dirixido a apoiar a creación e consolidación de emprego no ámbito local.

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou hoxe unha das empresas beneficiarias, ORDESTAR S.L., dedicada á reparación de vehículos e constituída en 2015. A empresa recibiu unha subvención de 15.000 euros a través da liña PEL-PEMES, destinada á contratación de persoal, que financia ata o 70% dos custos totais (salario e Seguridade Social) das novas contratacións durante o prazo de un ano.

As 33 axudas concedidas en Ordes corresponden ás diferentes modalidades do programa, que inclúen incentivos á contratación, apoio ao emprendemento e á actividade das pemes e persoas autónomas. O obxectivo é reforzar o tecido empresarial local, facilitar a creación de novos postos de traballo e contribuír á estabilidade das empresas do municipio.

Rosa Ana García destacou que "o PEL permite apoiar de forma directa ás pequenas empresas e ás persoas autónomas que xeran emprego nos nosos concellos, ofrecendo recursos para contratar persoal, ampliar a súa actividade ou iniciar novos proxectos". A deputada subliñou que a continuidade do programa ao longo dos anos permitiu consolidar unha rede de apoio estable ao tecido produtivo local.

Na última década, o Plan de emprego local contribuíu á creación de máis de 8.000 empregos na provincia da Coruña, converténdose nunha das principais ferramentas da Deputación para impulsar a actividade económica nos concellos. O programa mantén unha aposta sostida polo apoio ás pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e emprendedoras, facilitando financiamento directo e adaptado ás necesidades reais de cada proxecto.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X