A Deputación e o Concello de Lousame investirán máis de 204.000 euros na renovación do céspede artificial do campo de Cabanetán
A institución provincial financia o 80% da actuación, que mellorará a seguridade e a calidade da práctica deportiva
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Lousame, onde asinou co alcalde, Esteban Ares, o convenio de colaboración para executar as obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol municipal de Cabanetán, que contan cun orzamento total de 204.781,14 euros. A Deputación achegará 163.824,91 euros, o 80% do investimento, mentres que o Concello asume o importe restante.
O proxecto permitirá substituír o actual céspede artificial, que presenta un elevado desgaste polo uso continuado da instalación, por un novo pavimento deportivo de última xeración, homologado segundo a normativa vixente e adaptado ás esixencias actuais da práctica do fútbol. As obras inclúen a retirada do equipamento existente, o levantamento do céspede actual, a limpeza das canles perimetrais de drenaxe e a instalación dun novo céspede que cumpre coa norma UNE-EN 15330-1 e conta coa certificación FIFA Quality Pro, ademais da colocación de novas bandeirolas regulamentarias.
Valentín González Formoso destacou que esta actuación permite mellorar unha infraestrutura moi utilizada polos clubs e pola veciñanza, garantindo condicións axeitadas de seguridade e calidade para a práctica deportiva. O presidente subliñou que a colaboración cos concellos é unha prioridade para a Deputación, especialmente na mellora das instalacións municipais.
Pola súa banda, o alcalde de Lousame, Esteban Ares, agradeceu a visita do presidente ao municipio e o apoio económico que lle presta a institución provincial e sinalou que a renovación do campo é unha actuación necesaria para manter a actividade deportiva en condicións óptimas.
Máis de 13 millóns investidos en Lousame nunha década
Durante a xornada, o presidente e o alcalde visitaron tamén as obras de renovación de estradas e camiños municipais que conectan os núcleos de Pousada, Carantoña e Cruído, uns traballos nos que se investiron 50.245 euros con cargo ao Plan Único (POS+).
Formoso salientou a importancia deste programa para os concellos da provincia e lembrou que dos máis de 13 millóns de euros que a Deputación leva investidos en Lousame na última década, 6,7 millóns corresponden ao Plan Único, que permitiu executar 55 obras no municipio e financiar numerosos servizos públicos.
O presidente destacou que a maior parte das actuacións aprobadas por Lousame con fondos do POS+ destináronse á mellora de estradas e camiños municipais no rural das distintas parroquias, contribuíndo a mellorar a seguridade viaria e a mobilidade da veciñanza.
O presidente destacou que "o Plan Único é a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos. Permite que cada municipio decida con autonomía onde investir os recursos, dálles aos concellos estabilidade orzamentaria e garante investimentos sostidos no tempo. Grazas ao POS+, concellos como Lousame poden planificar obras e servizos que melloran de forma directa a calidade de vida da veciñanza", afirmou.
