A Deputación da Coruña licita por 1.125.300 euros a adquisición dun inmoble para crear unha nova sede institucional en Santiago de Compostela
A nova sede da Deputación en Santiago acollerá unha oficina tributaria, coworking, auditorio e aula de formación
Valentín González Formoso destaca que a nova sede en Compostela permitirá "achegarlle a Deputación á cidadanía, ofrecer servizos útiles e crear espazos abertos á actividade económica, social e cultural"
O inmoble debe localizarse nun lugar céntrico, con boas conexións de transporte público e ter un mínimo de 770 metros cadrados construídos
A Deputación da Coruña acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación para a adquisición dun inmoble céntrico en Santiago de Compostela destinado a acoller unha nova sede institucional da entidade na capital galega. O orzamento máximo de licitación ascende a 1.125.300 euros (IVE incluído), cun prezo máximo de 1.200 euros por metro cadrado construído. O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 27 de febreiro.
O inmoble deberá situarse na trama urbana do centro da cidade, con boa conexión ao transporte público e proximidade á estación intermodal, facilitando o acceso tanto das persoas usuarias como do persoal. A superficie útil mínima esixida é de 670 metros cadrados, cun mínimo de 770 metros cadrados construídos, e priorízanse espazos en planta baixa ou que permitan un itinerario completamente accesible sen barreiras arquitectónicas.
A futura sede da Deputación da Coruña en Compostela albergará unha oficina de recadación tributaria duns 200 metros cadrados, con zona de espera pública e unha área de traballo aberta con capacidade para un mínimo de 17 postos, ademais dun despacho independente para a xefatura de zona. Contará tamén cun espazo destinado a coworking de arredor de 100 metros cadrados, sala de reunións, un auditorio para acoller actividades culturais e reunións, aula de formación con capacidade mínima para 75 persoas e un local institucional destinado a actividade representativa, encontros e presentacións. Disporá ademáis de área de arquivo e almacén e aseos accesibles.
O edificio deberá cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade, seguridade e saúde laboral, así como garantir ventilación e iluminación natural e conexión ás redes básicas de subministración.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, xa avanzara esta iniciativa durante a presentación dos Orzamentos provinciais de 2026, nos que anunciou a apertura das dúas primeiras sedes provinciais fóra da capital: unha en Ferrol e outra en Santiago.
Formoso destacou que esta aposta responde a unha estratexia do goberno provincial de descentralización e proximidade, co obxectivo de facilitar unha relación máis directa entre a administración provincial e a cidadanía. "Queremos achegarlle a Deputación á cidadanía, ofrecer servizos útiles e crear espazos abertos á actividade económica, social e cultural", sinalou.
A licitación da compra do inmoble de Santiago enmárcase nun proceso máis amplo que inclúe tamén a futura sede en Ferrol, onde a Deputación está a valorar actualmente as cinco ofertas presentadas á licitación pública para a adquisición dun inmoble de características semellantes. Con estas actuacións, a institución provincial reforza a súa implantación territorial e dá un paso máis na modernización dos seus servizos, apostando por espazos accesibles, versátiles e ao servizo da cidadanía.
