Estás en:Emprego

A Deputación e o Concello de Curtis asinan o convenio para a xestión do Centro Etnográfico Río Mandeo de Teixeiro

O documento establece unha axuda provincial de máis de 24.700 euros para a xestión deste espazo

A Deputación e o Concello de Curtis asinan o convenio para a xestión do Centro Etnográfico Río Mandeo de Teixeiro

A Deputación da Coruña formalizou hoxe un convenio de colaboración co Concello de Curtis para a xestión integral do Centro Etnográfico de Curtis, situado en Teixeiro, correspondente á anualidade 2026. O acordo foi asinado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e polo alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos Vázquez.

O convenio establece unha achega provincial de 24.713,86 euros, o que representa o 68% dos gastos sobre un orzamento total de 36.111,13 euros. A colaboración terá efectos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

O Centro Etnográfico de Teixeiro é un equipamento dependente da Deputación da Coruña que forma parte do proxecto de posta en valor do patrimonio natural e etnográfico da conca do Mandeo. Desde a súa apertura consolidouse como un espazo de referencia comarcal na promoción da cultura tradicional galega e dos valores ambientais do territorio, acollendo exposicións, visitas guiadas, obradoiros, cursos e encontros organizados por entidades públicas e privadas.

O acordo establece que o centro manterá un horario mínimo de apertura de martes a venres en horario de mañá e tarde, e sábados e domingos en horario de mañá, permanecendo pechado os luns e festivos.

A colaboración permitirá darlle continuidade á programación xa consolidada, que no último exercicio incluíu actividades con centros escolares, asociacións culturais e entidades xuvenís. Para este 2026 existen xa reservas confirmadas de visitas escolares durante os meses de maio e xuño, así como o interese manifestado por diversas entidades sociais en seguir empregando o centro como espazo formativo, cultural e social.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X