Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña apoia o marisqueo na Ría de Cariño impulsando a recuperación produtiva de ameixa

A institución provincial financia coa Asociación de Marsicadoras de Cariño a adquisición de 300.000 unidades de ameixa xaponesa para rexenerar os bancos marisqueiros

A Deputación da Coruña apoia o marisqueo na Ría de Cariño impulsando a recuperación produtiva de ameixa

A Deputación da Coruña colabora coa Asociación de Mariscadoras de Cariño na adquisisicón de preto de 300.000 unidades de ameixa xaponesa destinados á rexeneración dos bancos marisqueiros da ría. Esta colaboración supuxo un investimento de 6.000 euros.

As sementes, máis de 210 kg, corresponden á especie Ruditapes philippinarum, coñecida como ameixa xaponesa, considerada a máis axeitada para este tipo de actuacións pola súa capacidade de adaptación e bo rendemento produtivo. A talla media dos exemplares sitúase entre os 15 e os 18 milímetros, dimensión óptima para garantir unha maior taxa de supervivencia e un correcto desenvolvemento nos bancos marisqueiros en réxime de concesión que xestiona a asociación na zona de Altos de Caleira.

Esta actuación ten como obxectivo principal impulsar a recuperación produtiva dos bancos, contribuíndo de maneira directa á sustentabilidade do recurso e á estabilidade económica das profesionais do mar que traballan na zona. Normalmente, as sementes tardan entre un e dous anos en alcanzar a talla comercial para a súa venda.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, salientou que "o marisqueo é unha actividade esencial para moitas familias da nosa costa e unha peza clave na economía da provincia. Con accións como a que facemos hoxe en Cariño contribuímos directamente coas mariscadoras á rexeneración dos bancos, afectados polos incendios, as condicións climatolóxicas adversas e as fortes choivas, tratando de apostar polo futuro dun sector que supón un sustento económico para moitas familias"

Capelán puxo en valor o papel das mulleres do mar e destacou que "as mariscadoras realizan un labor fundamental para manter vivo o noso litoral, combinando tradición e sustentabilidade. Desde a Deputación queremos apoiar ese esforzo, facilitando recursos que melloren a rendibilidade do marisqueo e aseguren a continuidade dunha actividade que forma parte da identidade dos concellos costeiros".

Grazas a esta contribución, a Asociación de Mariscadoras de Cariño contará co produto necesario para desenvolver as labores de semente previstas e avanzar na recuperación dos seus bancos marisqueiros, reforzando a súa viabilidade e rendibilidade a medio e longo prazo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X