Estás en:Emprego

A Deputación encarga a TRAGSA as obras de terminación da estrada de Hospital a Brens, en Dumbría, na que investirá 1,7 millóns de euros

As obras rematarán os traballos que quedaron pendentes tras a resolución do anterior contrato e inclúen melloras adicionais na estrada

A Deputación encarga a TRAGSA as obras de terminación da estrada de Hospital a Brens, en Dumbría, na que investirá 1,7 millóns de euros

A Deputación da Coruña aprobou hoxe encargarlle á sociedade empresarial pública TRAGSA o remate das obras de mellora da estrada DP 2302 de Hospital a Brens, no tramo de preto de 3,8 quilómetros comprendido entre os PQ 2+100 e 5+890, no concello de Dumbría. O investimento ascende a 1.697.417,32 euros.

Os traballos de mellora desta estrada foran iniciados xa en 2021, cun orzamento de 826.753 euros, pero as continuas demoras na execución das obras e o seu posterior abandono por parte da empresa adxudicataria provocou a resolución do contrato tras un longo proceso administrativo e xudicial.

O proxecto que agora se aproba dará continuidade ás actuacións previstas no proxecto orixinal, reparará os danos ocasionados polo tempo transcorrido e incluirá melloras adicionais para incrementar a seguridade do vial. Entre elas, destacan o asfaltado completo de todo o tramo, a instalación de novas barreiras de protección e varandas, a retirada de peitorís e a execución de obras complementarias para mellorar o sistema de drenaxe.

A Deputación da Coruña cumpre así o compromiso adquirido polo presidente provincial, Valentín González Formoso, co alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, de acometer o remate destas obras, tras anos de paralización dun proxecto fundamental para as comunicacións do municipio e da comarca. O encargo das obras a TRAGSA, como medio do propio personificado da Deputación, permitirán executar as obras con maior axilidade.

Unha estrada máis ampla e segura

O obxectivo principal da intervención, realizada no tramo que conecta os núcleos de Hospital e Brens, é mellorar as condicións de circulación e seguridade viaria. Para iso, mellorarase a estrada existente mediante a ampliación da sección actual para dotala de dous carrís de circulación de entre 3 e 3.25 metros de ancho e beiravías de 0.50 metros, así como a execución de carrís de espera e cuñas nas interseccións.

Contémplase tamén a corrección de curvas e a mellora da visibilidade. Ademais, préstase tamén atención ás peoas e peóns ao incluír un tramo de senda na marxe esquerda de dous metros de ancho.

A actuación inclúe, tamén, a adaptación á rasante das estradas municipais que enlazan coa DP-2302 para mellorar, na medida do posible, as interseccións.

Os traballos remataranse coa correcta sinalización da vía, vertical e horizontal, así como coa disposición de novas barreiras de seguridade necesarias. As obras teñen un prazo de execución de oito meses.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X