Estás en:Emprego

A Deputación destaca o LAB Barbanza como referente para impulsar o talento e o emprendemento na clausura da III Feira de Emprego do Barbanza

A deputada Rosa Ana García subliñou o papel da Rede Provincial de Coworking para reter talento e xerar oportunidades na comarca

A Deputación destaca o LAB Barbanza como referente para impulsar o talento e o emprendemento na clausura da III Feira de Emprego do Barbanza

A deputada Rosa Ana García e o alcalde, José Ramón Romero, na clausura da Feira de Emprego de LAB Barbanza

O LAB Barbanza de Boiro acolleu hoxe a III Feira de Emprego do Barbanza, un evento que volveu converterse nun punto de encontro entre o tecido empresarial da comarca e persoas en busca de novas oportunidades laborais.

A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou na clausura da xornada xunto ao alcalde, José Ramón Romero.

A deputada e o alcalde coincidiron en sinalar o papel deste espazo como "motor para a economía da comarca" e "punto de encontro real entre o talento e as necesidades das empresas".

Durante a xornada desenvolvéronse mesas redondas e obradoiros especializados nos que se abordaron cuestións clave do mercado laboral actual, como a relación entre produtividade e benestar, a conexión entre a Universidade, a Formación Profesional e o tecido produtivo, ou a importancia da marca empresarial para fidelizar clientela.

Na súa intervención, Rosa Ana García puxo en valor o papel do tecido empresarial local e das entidades colaboradoras, destacando que "o Barbanza é unha comarca dinámica, con capacidade de adaptación e cun importante potencial para xerar oportunidades". Así mesmo, animou ás persoas asistentes a aproveitar os contactos e ferramentas adquiridas durante a feira: "O talento está aquí, e desde a Deputación imos seguir traballando para que poida desenvolverse aquí", afirmou.

Unha rede para xerar oportunidades no territorio

O LAB Barbanza forma parte da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, unha iniciativa orientada a dinamizar as economías locais e apoiar o emprendemento fóra dos grandes núcleos urbanos.

Na actualidade, esta rede conta con 12 espazos distribuídos por toda a provincia, que teñen servido de impulso para máis de 200 proxectos emprendedores nos últimos anos. No caso do LAB Barbanza, o centro consolidouse como un recurso de referencia na comarca, ofrecendo acompañamento personalizado, infraestrutura técnica e un espazo colaborativo que facilita a transformación de ideas en proxectos empresariais viables.

Durante o acto de clausura, a Deputación agradeceu tamén ao Concello de Boiro a organización do evento e a súa implicación no impulso de iniciativas que favorecen o emprego e o desenvolvemento económico local.

O LAB Barbanza permanece aberto de forma continuada como un servizo público ao dispor de persoas emprendedoras e empresas da comarca. "Temos que seguir construíndo un Barbanza con máis oportunidades, con máis actividade económica e con máis emprego, apoiándonos no talento da súa xente", concluíu a deputada.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X