Estás en:Emprego

Sol Agra reivindica a regueifa como unha «ferramenta didáctica moi útil» para mellorar a expresión oral e normalizar o uso da lingua galega

O programa, que comeza esta tarde, inclúe obradoiros con Guadi Galego e Manuele Ailá e culminará o sábado cunha Gala Regueifeira aberta ao público

«A través da regueifa trabállanse contidos didácticos imprescindíbeis e vólvese divertida a aprendizaxe», abondou a deputada de Lingua

Sol Agra reivindica a regueifa como unha «ferramenta didáctica moi útil» para mellorar a expresión oral e normalizar o uso da lingua galega

O IES do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación de dúas iniciativas sobre a regueifa impulsadas coa participación do alumnado do centro e da Área de Lingua da Deputación da Coruña: o Mapa Interactivo da Regueifa (MIR) e o II Campus de Regueifa. No acto participou a deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra Tuñas, xunto co estudantado e profesorado implicado en ambos os dous proxectos.

O Mapa Interactivo da Regueifa (MIR) é unha proposta didáctica que aborda esta tradición oral desde unha perspectiva contemporánea. O proxecto materialízase nun repositorio dixital accesíbel que reúne contidos audiovisuais e textuais sobre a regueifa tradicional e actual, co obxectivo de contribuír á súa conservación, difusión e aprendizaxe.

Pola súa parte, o II Campus de Regueifa, que comeza esta tarde no propio IES do Milladoiro e se desenvolverá até o domingo 10 de maio, reunirá preto de 50 regueifeiras e regueifeiros adolescentes e o seu profesorado nun espazo de convivencia e formación que combinará obradoiros, palestras, actividades lúdicas e a creación dun espectáculo colectivo aberto á comunidade.

Na súa intervención, Sol Agra destacou que o traballo impulsado durante a última década pola Asociación Oral e docentes permitiu recuperar unha tradición de improvisación oral en verso que estaba practicamente desaparecida e trasladala á mocidade, «enchéndoa de vitalidade e futuro». A deputada sinalou que a regueifa demostrou nestes dez anos a súa «capacidade de mobilización para a normalización da nosa lingua» e puxo en valor a súa utilidade pedagóxica nas aulas.

«A través da regueifa trabállanse contidos didácticos imprescindíbeis, como a poesía, a capacidade de concentración, improvisación, rapidez na resposta, adaptación ao debate, memoria, oratoria ou argumentación», subliñou a deputada. «É unha ferramenta utilísima nas clases de lingua que volve divertida a aprendizaxe», abondou Agra.

A deputada tamén reflexionou sobre a perda de tradicións propias e reivindicou a recuperación da regueifa fronte á adopción doutras manifestacións culturais importadas. «Na Galiza somos expertos en perder tradicións que adoptamos rapidamente cando nos veñen devoltas desde outros países. Mentres a regueifa desaparecía, a rapazada seguía as pelexas de galos do rap como algo novidoso, cando beben claramente da nosa regueifa e do repentismo», indicou.

Programa do Campus

O Campus dará comezo esta tarde coa recepción das persoas participantes, unha dinámica de presentación e unha asemblea participativa sobre o momento actual da regueifa e o seu papel como ferramenta restaurativa. A xornada rematará cunha cea compartida e unha foliada coas Pandereiteiras do IES Antón Fraguas.

O sábado estará centrado no traballo creativo e escénico, con sesións de preparación e ensaio do espectáculo colectivo, elaboración de maios e regueifas con Brais Fernandes e Falcón Branco, ademais de obradoiros impartidos por Guadi Galego e Manuele Ailá. A programación culminará ás 20 horas coa Gala Regueifeira na Casa da Cultura do Milladoiro, aberta ao público.

Xa o domingo, o Campus incluirá un obradoiro de achegamento ao baile da regueifa con Miguel Barbazán, unha andaina até o Banquete de Conxo —Santiago de Compostela— e un xantar de despedida e avaliación final.

O Campus procura consolidarse como unha actividade anual itinerante, fortalecendo a rede de centros educativos que traballan a regueifa e promovendo o uso activo da lingua galega entre a mocidade. Alén disto, pretende fomentar valores como a igualdade, o respecto e o pensamento crítico, ao tempo que explora novas conexións entre tradición e creación contemporánea.

A iniciativa está organizada pola área de Lingua da Deputación da Coruña en colaboración co Proxecto Regueifesta, o IES do Milladoiro e a Asociación Oral de Galicia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X