Estás en:Emprego

A Deputación celebra 25 anos de inclusión no deporte con Special Olympics Galicia

Antonio Leira e Eladio Fernández asinaron o convenio polo que a institución provincial achega 25.000 euros para apoiar as actividades conmemorativas do aniversario da entidade

Special Olympics Galicia naceu no ano 2000 impulsada por 17 entidades galegas para promover a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, a cultura e o lecer

A Deputación celebra 25 anos de inclusión no deporte con Special Olympics Galicia

O deputado de Deportes, Antonio Leira, e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, asinaron hoxe convenio de colaboración polo que a Deputación da Coruña achega 25.000 euros para cofinanciar as actividades conmemorativas do 25 aniversario da entidade.

Baixo o lema "25 anos de inclusión no deporte", a Deputación súmase á celebración da traxectoria de Special Olympics Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro formada por pais, nais, profesionais e amizades de persoas con discapacidade intelectual, que leva desde o ano 2000 promovendo a súa participación plena na vida comunitaria a través da práctica deportiva, a cultura, o lecer e a convivencia.

Antonio Leira destacou que "Special Olympics Galicia leva 25 anos demostrando que o deporte é moito máis que competición. É saúde, compañeirismo, autonomía e tamén unha maneira moi poderosa de apostar pola inclusión".

O deputado subliñou que "detrás destes 25 anos hai moitas familias e moitos deportistas que abriron camiño e axudaron a facer unha sociedade máis xusta e máis inclusiva".

O convenio permite apoiar a organización das actividades do aniversario, cunha achega provincial de 25.000 euros destinada a financiar accións como a difusión da celebración, a edición dun libro sobre a traxectoria da entidade e outros materiais.

A celebración do 25 aniversario ten como obxectivo render homenaxe á traxectoria de loita, dedicación e implicación de Special Olympics Galicia na visibilización das persoas con discapacidade intelectual, do voluntariado e das entidades que traballan a prol da inclusión.

Special Olympics Galicia organiza e coordina cada ano un amplo programa de actividades deportivas, lúdicas e culturais nas que participan persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia. Entre elas figuran disciplinas como o ciclismo, a natación ou o atletismo, ademais de representacións teatrais, actividades de voluntariado e participación en encontros de ámbito provincial, autonómico, estatal e internacional.

Desde a entidade destacan que a práctica deportiva ten un valor especialmente importante para as persoas con discapacidade intelectual, xa que contribúe ao seu benestar físico e mental, fortalece a autoestima, favorece o desenvolvemento persoal e axuda a poñer o foco nas súas capacidades, rachando estereotipos e barreiras sociais.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X