Estás en:Emprego

A Deputación participa na presentación do Festival M.A.R.C.O., unha mostra que reivindica o patrimonio rural desde a arquitectura e a cultura

«O patrimonio do rural galego abrangue moito máis ca pedras e marcos: é tamén etnografía, lingua e tradicións», destacou o deputado de Patrimonio

Xosé Penas puxo en valor a colaboración entre institucións e o papel do festival na protección e divulgación do patrimonio cultural galego

A Deputación participa na presentación do Festival M.A.R.C.O., unha mostra que reivindica o patrimonio rural desde a arquitectura e a cultura

O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, participou este venres na presentación do Festival M.A.R.C.O. (Mostra de Arquitectura Rural). Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural M.A.R.C.O. que se celebra esta fin de semana en distintos espazos do concello de Vedra ao redor da arquitectura rural, a creación artística e a participación comunitaria.

O acto tivo lugar na Casa Meyre, coincidindo co inicio da programación desta segunda edición do festival, que se desenvolve do 8 ao 10 de maio con conversas, obradoiros, rutas, exposicións, concertos e intervencións artísticas.

Durante a presentación, Xosé Penas puxo en valor «que se faga un evento destas características» e a aposta pola protección do patrimonio desde a perspectiva do rural. O deputado salientou tamén a colaboración institucional con proxecto, destacando a implicación da Deputación da Coruña, do Concello de Vedra, da Xunta de Galiza —a través da Secretaría Xeral de Urbanismo— e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza.

Penas destacou ademais o importante patrimonio que conserva o rural galego e subliñou que «abrangue moito máis ca pedras e marcos: é tamén etnografía, é lingua, son costumes e tradicións». Neste sentido, incidiu na relevancia de iniciativas como M.A.R.C.O. para concienciar sobre a necesidade de protexer e valorizar o patrimonio cultural galego.

O deputado aproveitou tamén para lembrar a nova liña de axudas impulsada pola Deputación da Coruña para a protección do patrimonio cultural, dotada cun orzamento dun millón de euros e dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes, coa finalidade de contribuír á recuperación de elementos patrimoniais no ámbito local.

Resignificando os marcos

O nome do festival fai referencia aos marcos que tradicionalmente delimitan propiedades no rural galego, unha idea que a organización resignifica para converter ese límite nun espazo de encontro ao redor da arquitectura, a cultura e a vida comunitaria. A propia iniciativa defínese como unha mostra centrada na arquitectura rural entendida non só como construción, senón tamén como ferramenta cultural, social e territorial.

A edición deste ano desenvólvese baixo o eixo temático 'Etno-pop', centrado na relación entre arquitectura tradicional, cultura popular e folclore, reivindicando espazos como muíños, fornos ou lavadoiros como lugares de encontro, sociabilidade e memoria colectiva.

A programación inclúe actividades como as rutas 'O mellor de cada casa', conversas sobre arquitectura e territorio, obradoiros de creación artística e intervencións musicais e escénicas, con participación de profesionais da arquitectura, artistas, colectivos culturais e veciñanza.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X