Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña impulsa un encontro profesional para posicionar o Xeoparque Cabo Ortegal como un destino sustentábel e con identidade propia

O encontro serviu para impulsar novas colaboracións comerciais e presentar a plataforma de reservas e o novo Dossier de Empresas do territorio

A Deputación da Coruña impulsa un encontro profesional para posicionar o Xeoparque Cabo Ortegal como un destino sustentábel e con identidade propia

A Casa da Cultura do Concello de San Sadurniño acolleu este xoves unha xornada de comercialización dirixida a conectar o tecido empresarial turístico do territorio do Xeoparque Cabo Ortegal con axentes comercializadores especializados en natureza, ecoturismo e turismo activo.

A iniciativa, organizada no marco do Plan de sustentabilidade turística en destino (PSTD), financiado polos fondos europeos NextGenerationEU, ten como principal obxectivo favorecer a comercialización da oferta turística do territorio, facilitar contactos directos entre oferta e demanda e impulsar a creación de produto turístico e experiencias vinculadas ao Xeoparque Cabo Ortegal.

A xornada contou con representación institucional da deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey; a vicepresidenta da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, Beatriz Bascoy Maceiras; e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal. Ademais, presentouse a plataforma de reservas do Xeoparque e o novo dossier de empresas do territorio.

O eixe central do encontro foi un obradoiro en que se deron cita axencias de viaxes e operadores con 18 empresas turísticas do territorio. A dinámica desenvolveuse mediante reunións rápidas, con rotacións organizadas para maximizar o número de contactos profesionais e facilitar a xeración de futuras colaboracións comerciais.

A xornada completouse con visitas experienciais a diferentes iniciativas turísticas do territorio, permitindolles ás e aos axentes coñecer de primeira man os recursos e experiencias do destino.

Con esta actuación, a Deputación da Coruña e o Xeoparque Cabo Ortegal continúan avanzando na profesionalización e posicionamento turístico do territorio, apostando por un modelo de desenvolvemento baseado na sustentabilidade, a autenticidade e a creación de experiencias de alto valor engadido.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X