Aprobada a xornada de 35 horas semanais para o persoal
A redución dunha hora na xornada de verán dende o 1 de xuño e o establecemento da mesma redución nos períodos no lectivos declarados pola Xunta son algunhas das melloras acadadas por CCOO
Na Mesa Xeral de Negociación celebrada hoxe, 22 de maio de 2026, aprobáronse as Bases Xerais reguladoras dos procesos selectivos derivados da OEP 2025, o Regulamento da selección de persoal temporal, as instrucións sobre xornada e horarios e a resolución que determina o horario a realizar nos postos de xornada especial.
Aprobada a xornada de 35 horas semanais para o persoal. A Corporación presentou o acordo polo que se ditan instrucións sobre xornada e horarios de traballo do persoal na liña do aprobado recentemente en Madrid para a Administración Xeral do Estado (AXE). Ademais da xornada de 35 horas semanais, que se establece de xeito xeral para todo o persoal agás aquel que este en réxime de especial dedicación que pasa a ser de 37,5 h., resulta salientable o establecemento dunha bolsa de horas para conciliación de ata o 5% da xornada anual, a utilización destas horas terá carácter recuperable nun prazo máximo de tres meses (neste punto CCOO conseguiu mellorar o texto inicial que, tal e como recolle a instrución da AXE, só permitía a utilización da bolsa ao persoal para o coidado de menores a cargo o persoas maiores ou dependentes de primeiro grado de consanguinidade ou afinidade. Agora tamén pode acceder todo o persoal que teña que realizar coidados de persoas convivintes ou ata segundo grado de consanguinidade ou afinidade). Tamén cabe subliñar o incremento da flexibilidade horaria: a partir de agora o horario obrigatorio durante todo o ano será de 9:00 a 14:00 h., podéndose completar a xornada dende as 7:00 ata as 20:00 h. de luns a venres e de 9:00 a 14.00 o sábado (neste punto CCOO negociou coa Corporación que se puidese completar a xornada o venres pola tarde e o sábado pola mañá como tiñamos anteriormente porque o documento presentado en mesa, ao igual que a instrución da AXE, non os incorporaba).
A redución dunha hora na xornada de verán dende o 1 de xuño e o establecemento da mesma redución nos períodos no lectivos declarados pola Xunta son algunhas das melloras acadadas por CCOO. A primeira das medidas xurde como unha mellora sobre a instrución da AXE que establece a ampliación do período de xornada de verán do 15 ao 1 de xuño tan só para o persoal que dispón de conciliación. Neste sentido, no seno do diálogo previo que mantivemos coa Corporación unha vez que o Ministerio publicou a devandita instrución, CCOO propuxo que a dita ampliación se aplicase a todo o persoal, medida que a Corporación considerou oportuna e por tanto xa incorporou no documento que levou a mesa. O problema foi que, seguindo a instrución da AGE, a dita redución era de só ½ h. e así aparecía recollido no documento que foi a mesa, polo que CCOO negociou coa Corporación, ao igual que fixeron outros sindicatos, para que no se perdesen dereitos xa consolidados. Así, o texto definitivo recolle a redución dunha hora na xornada de verán como ata agora. O mesmo aconteceu coa incorporación no documento final da redución dunha hora nos períodos non lectivos declarados pola Xunta para favorecer a conciliación da vida, familiar e laboral, logros acadados por CCOO anos atrás en diversas negociacións.
Por fin se aproba o novo regulamento de selección de persoal. Aínda que hai cousas que non nos gustan e consideramos superior o regulamento presentado por CCOO, CIG e UGT o ano pasado, priorizamos a súa inmediata aprobación polas grandes melloras que supón en relación co vixente. De feito CCOO estaba disposta a aprobar o documento levado a mesa de negociación o pasado de 10 de marzo, como demandaba a maioría do persoal interino, con todo a Corporación decidiu pospoñer a súa aprobación debido aos reparos que presentaron algunhas centrais sindicais.