O concello de Curtis recibe da Deputación máis de 1,3 millóns de euros en 2026 a través do Plan Único
A deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, visitou as obras de mellora da estrada entre Abelar, Froula, Crego Barbazán e Mandeo, financiadas con cargo ao programa provincial
O concello de Curtis acolleu a visita da deputada de plans provinciais, Cristina García Rey, para supervisar o desenvolvemento das obras de rehabilitación do firme de calzada nos tramos Abelar–Froula–Crego Barbazán e Mandeo, unha actuación que se está a executar con financiamento do Plan Único e que supón un investimento de 158.805 euros.
Na visita participaron, en representación do goberno municipal, a primeira tenente de alcalde e concelleira Julia Díez Álvarez, así como os concelleiros do BNG Lucas Quintas Gómez, María Seoane Barreiro e Verónica Fuentes Vázquez. Durante a mesma, a deputada destacou que Curtis contará este ano con 1.364.906 euros procedentes do Plan Único, unha liña de financiamento que permite aos concellos afrontar investimentos estratéxicos adaptados ás necesidades de cada municipio.
García Rey puxo o foco na evolución do apoio económico da Deputación ao municipio, lembrando que Curtis recibiu 7.953.000 euros a través deste programa desde a súa implantación. "Falamos dun modelo que ofrece estabilidade financeira aos concellos e que lles permite planificar actuacións a medio e longo prazo con recursos garantidos", afirmou.
A deputada sinalou tamén que o Plan Único "contribúe a modernizar infraestruturas, mellorar os servizos públicos e reforzar a capacidade de xestión dos gobernos locais, respectando sempre a súa autonomía para decidir o destino dos investimentos". Neste sentido, incidiu en que a Deputación mantén o seu compromiso cun sistema de reparto baseado en criterios obxectivos e igualitarios para todos os municipios da provincia.
A actuación visitada constitúe un exemplo dese modelo de cooperación institucional, xa que permitirá mellorar o estado dunha vía de comunicación utilizada diariamente pola veciñanza, incrementando a seguridade e favorecendo a mobilidade na zona.
