Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e os concellos de Cee e Corcubión selan o acordo para construír a nova EDAR, cun investimento de 14 millóns de euros

A Deputación achega 1,4 millóns para asumir parte do financiamento dos dous concellos

A nova infraestrutura dará servizo a máis de 16.400 habitantes e permitirá mellorar o saneamento e a calidade ambiental da ría de Corcubión

A Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e os concellos de Cee e Corcubión selan o acordo para construír a nova EDAR, cun investimento de 14 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e o alcalde de Corcubión, Francisco Xabier Domínguez, asinaron hoxe no Concello de Cee o convenio para a construción da nova estación depuradora de augas residuais que dará servizo a ambos os municipios.

O acordo permitirá executar unha infraestrutura necesaria para mellorar o saneamento da ría e resolver as limitacións da actual depuradora, construída na década dos noventa, que chegou ao final da súa vida útil e non conta con capacidade suficiente para atender as necesidades actuais e futuras.

O investimento total previsto ascende a 13.870.999,70 euros. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER, financiará o 60% da actuación, mentres que Augas de Galicia asumirá outro 20%. En conxunto, ambas as achegas suman 11.096.799,77 euros. O 20% restante, 2.774.199,93 euros, será financiado polas administracións locais.

A Deputación da Coruña achegará 1,4 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades de 700.000 euros. Desta cantidade, un millón de euros destinarase a apoiar o Concello de Cee e 400.000 euros o Concello de Corcubión. Pola súa parte, Cee achegará 1.030.674,93 euros e Corcubión outros 343.525 euros.

Valentín González Formoso destacou que a sinatura do convenio "é o resultado da cooperación entre administracións para facer posible unha obra imprescindible para Cee, Corcubión e para o conxunto da comarca".

"Un investimento de 14 millóns de euros é unha cantidade imposible de asumir en solitario para concellos destas dimensións. A Deputación está precisamente para axudar aos municipios a afrontar obras necesarias como esta que, polo seu custo e complexidade, requiren da colaboración de todas as administracións", afirmou.

O presidente provincial salientou que a achega de 1,4 millóns de euros da Deputación permitirá reducir de maneira importante o esforzo económico que deberán realizar os dous concellos. "Queremos que Cee e Corcubión poidan contar cunha infraestrutura fundamental sen que un investimento desta magnitude comprometa os recursos que precisan para atender outros servizos e necesidades da veciñanza", indicou.

Formoso subliñou tamén a importancia ambiental e económica da actuación, xa que a nova EDAR permitirá contar cun sistema de saneamento moderno, con máis capacidade e adaptado ás necesidades das próximas décadas e contribuirá á recuperación dunha ría cun enorme valor natural e produtivo. O presidente rematou a súa intervención insistindo na importancia da cooperación institucional, resumida na frase "xuntos sumamos máis que por separado".

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente afirmou que "esta foto —a da cooperación institucional— é o normal en Galicia". Agradeceu tanto aos Concellos de Corcubión e Cee como á Deputación a colaboración e a disposición para acometer un investimento tan importante para estes dous municipios. Falando expresamente da colaboración da institución provincial, afirmou que "foi a propia Deputación a que quixo apoiar os concellos, e iso é algo que eu aplaudo e quero poñer en valor".

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, definiu o día de hoxe como "un dos máis importantes para o futuro do saneamento dos nosos municipios". Agradeceu de forma especial "o compromiso do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, por comprender que esta infraestrutura non podía esperar máis" e implicar a institución que preside para que a sinatura deste convenio sexa hoxe unha realidade despois de moitos atrancos.

Pola súa banda, o alcalde de Corcubión, Francisco Xabier Domínguez, afirmou que, coa sinatura deste convenio, "por fin podemos acabar cunha problemática que levamos décadas sufrindo". Coma o resto dos representantes políticos, subliñou a importancia da colaboración entre Deputación, Concellos e Xunta de Galicia para acometer "algo tan importante e indispensable como é o saneamento da nosa ría".

Unha depuradora para máis de 16.400 habitantes

A nova EDAR construirase no municipio de Cee, nunha parcela situada nas proximidades da rúa Fornelos e da zona de servidume do porto de Brens, practicamente fronte á instalación actual. Esta localización permitirá manter en funcionamento a depuradora existente durante a execución das obras.

A infraestrutura estará deseñada para atender unha poboación superior aos 16.400 habitantes equivalentes e tratar un caudal medio de 4.591,13 metros cúbicos diarios. En situacións de maior achega poderá asumir ata 15.582,72 metros cúbicos ao día.

Os traballos inclúen a construción da nova estación depuradora, a conexión coa impulsión procedente do tanque de tormentas, a incorporación dos ramais de Brens e da parte alta de Cee mediante un novo bombeo e a execución da condución de vertido ao mar.

A nova instalación contará cunha liña completa de tratamento de augas, con arqueta de entrada, pretratamento, tamizado, desarenado, desengraxado, tratamento biolóxico con eliminación de nitróxeno, decantación secundaria, desinfección mediante raios ultravioleta e sistema de medición de caudal.

Tamén disporá dunha liña de tratamento e deshidratación de fangos, instalacións para recibir e tratar os procedentes de fosas sépticas, edificio de explotación, sala de control, taller, vestiarios, sala de soplantes e un sistema de desodorización para evitar molestias por cheiros.

A actuación forma parte das medidas destinadas a mellorar os sistemas de saneamento e depuración da ría de Corcubión e permitirá adaptar o tratamento das augas residuais aos estándares ambientais establecidos pola normativa europea e galega.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X