Estás en:Emprego

A Deputación completa as obras de renovación integral da comunidade terapéutica O Confurco de ASFEDRO

Valentín González Formoso visitou hoxe as instalacións de Doniños tras a finalización das obras, que supuxeron un investimento de 300.000 euros para modernizar o centro, mellorar a accesibilidade e as condicións de habitabilidade das persoas usuarias

As obras de reforma interior súmanse á renovación da cuberta do edificio realizada pola Deputación en 2023

A Deputación completa as obras de renovación integral da comunidade terapéutica O Confurco de ASFEDRO

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a comunidade terapéutica O Confurco, que a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO) ten na parroquia ferrolá de Doniños, para coñecer o resultado das obras de reforma e modernización financiadas pola institución provincial con preto de 300.000 euros.

Na visita estivo acompañado pola deputada de Política Social, Mar García Vidal, a nova presidenta de ASFEDRO, Ana Isabel Mariño Callejo; a expresidenta, Sari Alabau, o director técnico da entidade, Gerardo Sabio, e a xerente, Olalla Salorio, cos que percorreu as renovadas instalacións e coñeceu as melloras realizadas nun centro de referencia para a atención e rehabilitación de persoas con problemas de adiccións.

A Deputación achegou 298.476,71 euros para facer posible unha profunda reforma dun inmoble construído nos anos cincuenta e que precisaba adaptar os seus espazos ás necesidades actuais dos tratamentos, mellorar a accesibilidade e ofrecer unhas condicións máis axeitadas tanto ás persoas usuarias como aos profesionais que traballan no centro.

Formoso destacou que "hoxe podemos comprobar o resultado dun investimento que ten unha repercusión directa na vida das persoas, xa que ofrece condicións máis dignas para recuperarse, para recibir tratamento e para que os profesionais poidan desenvolver o seu traballo nas mellores condicións posibles". Insistiu nesta cuestión afirmando que "estes investimentos son deses dos que estás máis satisfeito porque ves a súa utilidade en mellorar a vida das persoas dende o primeiro día".

O presidente provincial puxo en valor o traballo desenvolvido por ASFEDRO durante décadas e salientou "o compromiso, a profesionalidade e a humanidade dunha entidade que acompaña persoas en momentos especialmente difíciles das súas vidas e que realiza un labor imprescindible para moitas familias de Ferrolterra e da provincia".

Formoso anunciou que a colaboración entre ambas entidades continuará no futuro cunha intervención para rematar coas humidades e facer un acceso máis cómodo e seguro para persoas usuarias e traballadoras do centro, "pois merecen unhas condicións para traballar e, especialmente, para rehabilitarse, que estean á altura". "Agora xa é un edificio moito máis habitable e cómodo, pero continuaremos co noso compromiso", rematou o presidente provincial.

A presidenta de ASFEDRO agradeceu á Deputación que apoie a entidade "nun obxectivo tan importante". "Aquí, agora, despois desta obra, dignificamos o espazo para todas esas persoas que veñen tratarse" destacou Ana Isabel Mariño. Engadiu que o fin de ASFEDRO é integrarse no Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Mariño rematou a súa intervención afirmando que "as persoas usuarias de ASFEDRO son a nosa prioridade e faremos o que sexa necesario para que estean ben atendidas".

A actuación permitiu acometer unha redistribución e modernización dos espazos interiores da comunidade terapéutica, adaptándoos ás novas necesidades asistenciais, aos tratamentos actuais e ás esixencias de accesibilidade.

Na planta baixa creáronse novos vestiarios para o persoal e aseos xerais accesibles, reorganizáronse os espazos destinados á atención profesional e incorporáronse unha nova enfermaría, despachos para os distintos servizos asistenciais e áreas de administración, reunións, diagnóstico e obradoiros. Tamén se adaptou o ximnasio para facelo máis versátil e permitir o seu uso para terapias grupais.

Unha das melloras máis importantes foi a instalación dun elevador que facilita a comunicación entre as dúas plantas e permite o acceso ás persoas con mobilidade reducida, resolvendo unha das principais carencias que presentaba o edificio.

Na planta superior renováronse os espazos destinados ao aloxamento das persoas usuarias, con dormitorios dobres e individuais dotados de aseos e dependencias adaptadas para persoas con discapacidade funcional. A reforma permite ofrecer máis intimidade, comodidade e unhas condicións de habitabilidade máis axeitadas durante os procesos de tratamento residencial.

Os traballos incluíron tamén a renovación e redistribución das instalacións de saneamento, abastecemento de auga, calefacción, electricidade, iluminación e ventilación, así como a mellora das carpinterías e doutros elementos interiores. Ademais, acondicionouse un anexo exterior para usos deportivos e de actividade física.

Un centro de referencia na atención ás adiccións

A comunidade terapéutica O Confurco funciona desde 1990 nunha antiga construción militar situada nunha contorna afastada do núcleo urbano de Doniños. É un dos poucos recursos residenciais destas características existentes en Galicia para o tratamento das drogodependencias.

No centro desenvólvense programas de deshabituación en réxime residencial dirixidos especialmente a persoas que precisan afastarse temporalmente da súa contorna habitual para avanzar no proceso de recuperación. O traballo combina atención médica, psicolóxica, social e educativa, terapias individuais e grupais e actividades destinadas a recuperar hábitos, autonomía persoal e ferramentas que favorezan a posterior reinserción social.

O seu ámbito principal de actuación comprende as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, aínda que tamén atende persoas derivadas doutros recursos asistenciais da provincia. A entidade atende cada ano a decenas de persoas nos seus distintos programas de tratamento e acompañamento.

A colaboración da Deputación con ASFEDRO nos últimos anos permitiu acometer tamén outras melloras no inmoble, como a renovación da cuberta realizada en 2023, avanzando progresivamente na modernización dunhas instalacións fundamentais para garantir unha atención especializada e digna ás persoas con problemas de adiccións.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X