A Deputación e o Concello de Ordes invisten máis de 926.000 euros na mellora da estrada de acceso a Poulo
Valentín González Formoso e o José Luís Martínez Sanjurjo formalizaron hoxe o acordo para executar unha actuación de 1,3 quilómetros que permitirá crear unha senda peonil, renovar o firme e completar as redes de saneamento e abastecemento
O proxecto inclúe unha plataforma única na zona atravesada polo Camiño Inglés, co obxectivo de reforzar a seguridade e integrar a actuación na contorna
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, asinaron hoxe o convenio de colaboración para executar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-5905, que conecta a DP-3802 co núcleo de Poulo.
A actuación conta cun orzamento de 926.816,11 euros e desenvolverase ao longo de 1,3 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+300. O proxecto permitirá dar continuidade ao itinerario peonil que parte do núcleo urbano de Ordes e chega actualmente ata o núcleo de A Calle, nas proximidades da DP-5905.
Formoso destacou que a actuación pretende "facer máis segura unha estrada que forma parte da vida diaria dos veciños e veciñas de Poulo, creando un espazo propio para os peóns e mellorando ao mesmo tempo a propia estrada".
O presidente provincial salientou tamén "a colaboración e coordinación entre a Deputación e o Concello para abordar nunha única actuación a seguridade viaria, a mobilidade peonil e a mellora dos servizos municipais", e apuntou que se trata "dun investimento importante nunha zona rural, que mellorará tanto os desprazamentos cotiáns da veciñanza como o paso dos peregrinos polo Camiño Inglés".
O proxecto contempla a construción dunha senda peonil de dous metros de ancho, executada con formigón coloreado e separada da circulación de vehículos, así como cunetas transitables de seguridade e, nos puntos nos que sexa necesario, muros de pedra granítica para a contención de terras. A actuación dividirase en dous treitos de senda unidos por unha zona central de convivencia entre vehículos e peóns.
Precisamente nesta zona central, onde se concentra boa parte das edificacións e por onde discorre o Camiño de Santiago-Camiño Inglés, crearase unha plataforma única elevada. Na traza do Camiño o pavimento terá un acabado específico máis natural e incorporará franxas de lousas de pedra granítica para favorecer a súa integración na contorna.
As obras servirán tamén para completar as redes municipais de saneamento e abastecemento. No caso do saneamento instalarase unha nova canalización e executaranse 44 pozos de rexistro, ademais dunha condución preparada para unha futura impulsión. Tamén se ampliará a rede de abastecemento de auga.
A intervención inclúe ademais unha nova rede de recollida de augas pluviais, canalización para iluminación pública e a renovación do firme da estrada mediante o estendido dunha nova capa de mestura bituminosa e o posterior repintado das marcas viarias.
O proxecto establece un prazo de execución de seis meses unha vez iniciados os traballos.
