Das Kolorit leva a Betanzos as danzas do sur de Europa dos séculos XVI e XVII, na segunda cita do ciclo Espazos Sonoros
"A presenza de Das Kolorit en Betanzos permítenos unir dous valores que consideramos estratéxicos no departamento provincial de Patrimonio: a excelencia artística e a posta en valor dun espazo único, como é o Teatro-Cine Alfonsetti", sinalou o deputado Xosé Penas
O ensemble Das Kolorit será o protagonista, este sábado ás 19 horas no Teatro-Cine Alfonsetti de Betanzos, da segunda cita de Espazos Sonoros, o ciclo que une música e patrimonio histórico ao longo da xeografía galega e do que, desde hai seis edicións, é o seu maior impulsor o departamento de Patrimonio da Deputación da Coruña.
"Espazos Sonoros", sinalou o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, "é unha das iniciativas que mellor expresa a filosofía do noso departamento: activar o patrimonio vivo, poñelo en diálogo coa creación contemporánea e achegalo á cidadanía dun modo sensible e rigoroso". "Cada concerto", engadiu, "é unha oportunidade para redescubrir espazos que forman parte da nosa identidade colectiva."
Para Penas, a presenza de Das Kolorit en Betanzos "permite unir dous valores que consideramos estratéxicos: a excelencia artística e a posta en valor dun espazo único, como é o Teatro-Cine Alfonsetti". "Este ciclo", abundou, "demostra que a música pode ser ademais unha ferramenta de cohesión territorial e de coñecemento do noso pasado".
Penas mostrou tamén o seu agradecemento a todas as persoas que participan nas visitas guiadas e nas actividades paralelas do ciclo: "Son elas quen fan que Espazos Sonoros sexa, edición tras edición, un proxecto vivo, participativo e profundamente arraigado na provincia".
Das Kolorit
Cofundado na cidade suíza de Basilea pola galega Rosalía Gómez Lasheras, recoñecida pianista e intérprete doutros teclados antigos, Das Kolorit é un grupo internacional especializado en repertorios, con instrumentos históricos, de música de cámara virtuosa. Comparecerá no Alfonsetti coa formación integrada por Jaume Guri Batlle, violín; Sophia Schambeck, frautas de bico; Mariona Mateu Carles, violón; Leon Serafin Jänicke, tiorba e guitarra barroca, e Rosalía Gomez Lasheras, clave.
Co concerto "L'arte di passeggiare", Das Kolorit "paseará" a través de danzas do sur de Europa, dos séculos XVI e XVII; nun programa que inclúe pezas de Frescobaldi, Falconieri, Ortiz, Merula ou Francesca Caccini, entre outros compositores.
Percorrido polo Betanzos monumental
Antes do concerto, ás 16 horas, dentro da axenda de visitas guiadas 'Coñece o teu patrimonio' que ofrece Espazos Sonoros, está programado un percorrido polo Betanzos monumental, do que poderán gozar todas as persoas que formalizaron a inscrición previa.
A ruta permitirá comprender a evolución da cidade e a súa importancia como enclave comercial, portuario e centro político, administrativo e xudicial. Sairá da praza dos Irmáns García Naveira e atravesará diferentes puntos e edificios de interese, tanto relixiosos —as igrexas de Santiago e Santa María do Azougue— coma civís —entre eles, a Porta da Ponte Vella e algúns dos elementos modernistas máis salientables da vila—. A visita incluirá tamén a Casa Núñez, sede da Fundación CIEC, un destacado edificio deseñado polo arquitecto coruñés Rafael González Villar.
