A Deputación mellora a atención ás persoas con discapacidade intelectual do Ortegal cun novo vehículo adaptado para ASPROMOR
A deputada de Política Social, Educación e Mocidade, Mar García Vidal, visitou as instalacións da entidade en Ortigueira e coñeceu o traballo que desenvolve nos seus obradoiros ocupacionais
A nova furgoneta, adquirida coa axuda da Deputación, conta con nove prazas e permitirá mellorar as rutas que trasladan diariamente ao centro persoas usuarias de Ortigueira, Cariño e Mañón
A deputada de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, visitou hoxe as instalacións da Asociación Pro-Minusválidos do Ortegal (ASPROMOR), en Ortigueira, onde participou na entrega da nova furgoneta adaptada coa que a entidade reforzará o transporte das persoas usuarias do seu Centro Ocupacional.
Na visita participaron tamén o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, o portavoz municipal do PSOE, Juan Penabad Muras; a directora de ASPROMOR, María José Fojo; e a xerente da entidade, Araceli Blanco.
Mar García Vidal coñeceu de primeira man o funcionamento do centro e os distintos servizos e programas que ASPROMOR desenvolve para favorecer a autonomía e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual da comarca.
Durante o percorrido visitou os obradoiros ocupacionais nos que as persoas usuarias traballan diferentes capacidades persoais, sociais e laborais, entre eles o dedicado á reparación de colectores de lixo dos concellos, o invernadoiro ou as actividades orientadas ao desenvolvemento das habilidades da vida diaria. A deputada interesouse tamén polo funcionamento da unidade de día e polos programas de autonomía persoal, psicomotricidade, teatro e lecer.
García Vidal destacou "o enorme valor do traballo que ASPROMOR realiza desde hai máis de corenta anos, ofrecendo atención, oportunidades e acompañamento ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias".
Un vehículo para mellorar a accesibilidade e a autonomía
A nova furgoneta foi adquirida a través do programa FOIEV da Deputación da Coruña, destinado á adquisición e cesión de vehículos ás entidades sen ánimo de lucro da provincia para contribuír á mellora dos servizos sociais que prestan.
O vehículo dispón de nove prazas, plataforma eléctrica para cadeiras de rodas e chanzo eléctrico na porta lateral dereita, características que permiten realizar os desprazamentos con maior seguridade e accesibilidade, especialmente no caso das persoas con mobilidade reducida.
A furgoneta reforza as tres rutas que ASPROMOR realiza diariamente para trasladar ao centro persoas usuarias procedentes de Ortigueira, Cariño e Mañón. Os percorridos funcionan de luns a venres durante os 220 días anuais de actividade do centro e resultan especialmente importantes nunha comarca caracterizada pola dispersión xeográfica e cunha elevada presenza de poboación en núcleos rurais.
Desde a súa posta en funcionamento, o pasado 1 de agosto, ASPROMOR constatou unha mellora tanto na capacidade e planificación dos desprazamentos como na seguridade e accesibilidade das persoas usuarias.
ASPROMOR atende desde 1984 as necesidades das persoas con discapacidade intelectual da comarca do Ortegal. O seu Centro Ocupacional, situado en Ortigueira e con capacidade para 40 persoas, desenvolve unha importante función social a través de servizos e programas destinados a favorecer a autonomía, a inclusión e a mellora da calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias.
