Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña e a Federación de Asociacións Galegas en Arxentina rexeitan os intentos de limitar os dereitos das persoas descendentes da emigración

Valentín González Formoso e Luís Fernández Ageitos reivindican a Lei de netos como "un recoñecemento xusto" e reclaman preservar os dereitos adquiridos pola diáspora
O presidente da Deputación participou na sede da Federación nun encontro co elenco e os músicos de O Heroe, de Manuel Rivas, tras o éxito da súa representación no Teatro Empire da capital porteña

A Deputación da Coruña e a Federación de Asociacións Galegas en Arxentina rexeitan os intentos de limitar os dereitos das persoas descendentes da emigración

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Luís Fernández Ageitos, expresaron en Bos Aires o seu rexeitamento aos intentos de limitar os dereitos adquiridos pola persoas descendentes da emigración española e defenderon a necesidade de preservar os avances acadados nos últimos anos no recoñecemento da cidadanía ás fillas e netos da diáspora.

As declaracións producíronse durante a visita de Formoso á sede da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, onde mantivo un encontro coa directiva da entidade e cos músicos e músicas e actores e actrices da Compañía Teatral Galega de Bos Aires, acabada de crear.

Formoso destacou "o papel fundamental que durante décadas desempeñou a emigración galega na construción da Galicia actual" e defendeu a necesidade de "manter e fortalecer os vínculos coas novas xeracións de galegos e galegas no exterior".

O presidente provincial puxo tamén en valor o sentimento de pertenza que continúa vivo entre a colectividade galega da Arxentina. "Aquí síntese Galicia dunha maneira extraordinaria", afirmou.

Formoso incidiu na importancia de que as persoas descendentes da emigración poidan manter os seus vínculos e dereitos como cidadás e cidadáns españois e reivindicou a denominada Lei de netos como "un recoñecemento xusto" a miles de familias marcadas pola emigración "nos anos máis escuros da nosa historia".

Neste sentido, lembrou "a débeda histórica" de Galicia con aquelas persoas que tiveron que abandonar a súa terra e que contribuíron desde a emigración ao desenvolvemento económico e social tanto de Galicia como da Repúbica Arxentina. En relación coas críticas que cualifican esta medida como "enxeñería electoral", Formoso afirmou que "unha persoa non recibe a nacionalidade para lle votar a un partido ou a outro. Recíbea porque a lei lle recoñece ese dereito, e despois votará libremente a quen considere".

Pola súa banda, Fernández Ageitos destacou a loita desenvolvida durante anos pola Federación e polo conxunto da colectividade para conseguir o recoñecemento dos dereitos das persoas descendentes de cidadás e cidadáns españois no exterior e chamou a evitar calquera retroceso nos avances acadados.

O presidente da Federación asegurou que a entidade seguirá "en alerta e mobilizada" e apelou a "despertar conciencias" e a mobilizarse "todas as veces que faga falta" para defender os dereitos da cidadanía española residente no exterior.

O teatro galego volve a Bos Aires co apoio da Deputación

A visita tivo tamén unha destacada vertente cultural. Formoso mantivo un encontro cos músicos da Orquestra da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina e co elenco de actores e actrices de "O Heroe", de Manuel Rivas, representada durante os últimos meses no Teatro Empire da capital porteña.

Durante o encontro, a orquestra e as persoas integrantes da compañía interpretaron distintas pasaxes da obra.

Tras a súa experiencia nos escenarios porteños, a montaxe conta xa con propostas para ser representada en Uruguai e podería cruzar tamén o Atlántico. A Deputación estuda a posibilidade de levar O Heroe ao Teatro Colón da Coruña, abrindo así unha nova ponte cultural entre Galicia e a colectividade galega de Bos Aires.

A Deputación da Coruña financiou con 42.000 euros a creación da Compañía Teatral Galega de Bos Aires e a adaptación de O Heroe, primeira peza teatral de Manuel Rivas, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galegas e reforzar os vínculos coa colectividade galega en América.

A proposta transforma o texto de Rivas nun espectáculo musical con composicións orixinais interpretadas en directo pola OFAG, a Orquestra da Federación, e cun elenco integrado por actores, músicos, bailaríns e profesionais de diferentes disciplinas artísticas.

O Heroe aborda a guerra, a memoria e o propio concepto de heroísmo a través da historia de Arturo Piñeiro, un exboxeador e exlexionario que regresa da guerra de Sidi Ifni e comproba como o conflito foi silenciado pola ditadura franquista.

A iniciativa recupera así a histórica tradición do teatro galego en Bos Aires.

Fernández Ageitos agradeceu o traballo dos actores, actrices e músicos que fixeron posible o proxecto e destacou especialmente o labor de Martín Pinola, director da Orquestra da Federación e nominado este ano aos Premios Hugo ao Teatro Musical na categoría de mellor música orixinal por O Heroe, un recoñecemento que cualificou como "un orgullo inmenso" para a entidade.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X