Estás en:Emprego

A Deputación mobiliza 5 millóns de euros na nova edición do programa de apoio ao comercio local MercaNaVila

MercaNaVila permitiralle á cidadanía obter ata 100 euros en descontos para mercar nos establecementos dos municipios da provincia con menos de 20.000 habitantes

Formoso: "Apoiar o comercio das pequenas vilas é apoiar o emprego, os servizos e dar vida nos nosos concellos"

A primeira edición do programa mobilizou máis de 16 millóns de euros en vendas e preto de 300.000 operacións comerciais

A Deputación mobiliza 5 millóns de euros na nova edición do programa de apoio ao comercio local MercaNaVila

A Deputación da Coruña destina este ano 5 millóns de euros á nova edición de MercaNaVila, o programa de apoio ao comercio local dos pequenos concellos da provincia, impulsado en colaboración coa Federación Galega de Comercio.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, presentou hoxe a nova edición acompañado pola deputada Avia Veira, a deputada de Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.

A campaña permitirá que cada persoa maior de idade dispoña dun bono descargable de 100 euros en descontos para realizar compras nos establecementos adheridos dos concellos de menos de 20.000 habitantes entre o 20 de outubro e o 20 de novembro.

Formoso enmarcou MercaNaVila na política da Deputación de apoio aos concellos pequenos e de fomento da súa actividade económica e social. "O comercio local é unha peza fundamental para manter vivos os nosos concellos, especialmente no rural. Non falo só de actividade económica e emprego, senón tamén de servizos, de proximidade e de vida nas nosas vilas. Nun momento no que o pequeno comercio afronta dificultades como a perda de poboación ou a competencia das grandes plataformas de venda en liña, as administracións temos que estar ao seu lado con medidas concretas e recursos que contribúan a manter abertos os pequenos comercios de toda a vida".

O presidente destacou que os 5 millóns de euros destinados á campaña "chegaranlles directamente ás tendas, aos pequenos negocios e ás rúas das nosas vilas" e servirán para incentivar o consumo de proximidade nun momento no que hai cada vez máis compras por internet. "Queremos que estes bonos animen a mercar no comercio local, que o diñeiro quede nos nosos concellos", sinalou.

A través do programa MercaNaVila, as persoas maiores de 18 anos poderán beneficiarse de descontos acumulables de ata 100 euros. As bonificacións aplicaranse directamente no momento da compra, con descontos de entre 10 e 30 euros, en función do importe do tícket.

Os bonos poderán ser utilizados por calquera persoa, independentemente do seu concello de residencia, sempre que realice a compra nun dos establecementos adheridos situados nos municipios participantes. Desta maneira, a Deputación busca tamén atraer consumo cara ás pequenas vilas e incrementar o volume de negocio do seu tecido comercial.

Formoso destacou que o pequeno comercio desempeña unha función que vai máis alá da actividade económica. Neste sentido, subliñou que MercaNaVila forma parte dunha estratexia provincial máis ampla para favorecer o equilibrio territorial e apoiar aos municipios de menor dimensión, especialmente aqueles que teñen máis dificultades para desenvolver por si mesmos grandes campañas de dinamización económica.

Plan para potenciar o comercio nas vilas medianas

Ao mesmo tempo, Formoso avanzou que a Deputación buscará acordos coas asociacións de comerciantes dos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes para impulsar programas específicos de apoio ao comercio local adaptados ás características destes municipios. "Queremos estender esta política de apoio a todo o territorio, pero facéndoo da man do sector e deseñando medidas que respondan ás necesidades reais de cada tipo de concello", sinalou.

Máis de 16 millóns en vendas na primeira edición

A nova convocatoria de Mercanavila chega despois do éxito acadado en 2025. Na primeira edición descargáronse máis de 93.000 bonos, realizáronse máis de 293.000 operacións comerciais e participaron 1.080 establecementos.

En total, a campaña permitiu mobilizar máis de 16 millóns de euros en vendas no comercio local, multiplicando así o impacto do investimento realizado pola Deputación.

"Os datos demostraron que este programa funciona e que cada euro público investido é capaz de xerar un efecto multiplicador sobre a economía local", afirmou Formoso, que destacou que a nova edición pretende consolidar este impacto e chegar a máis negocios e consumidores.

"Comercio local é emprego e vida nas rúas"

Pola súa banda, a deputada Avia Veira destacou tamén que "o comercio local é emprego, actividade económica, vida nas rúas e cohesión social" e enmarcou MercaNaVila na aposta da Deputación por fortalecer o tecido económico dos concellos.

Veira sinalou que o obxectivo é que as políticas provinciais teñan continuidade e impacto directo no territorio, apoiando tanto os comercios como os produtores locais e contribuíndo a xerar actividade económica nos municipios de menor poboación.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, destacou que MercaNaVila dá continuidade a unha iniciativa que xa demostrou o seu éxito na primeira edición e que permite "apoiar e dinamizar o tecido comercial das zonas rurais da provincia". Seijas salientou que os negocios de proximidade dos concellos de menor poboación contan con menos recursos, pero afrontan os mesmos desafíos que os das cidades, polo que considerou "máis que necesaria" a colaboración entre a Federación e a Deputación da Coruña.

Seijas puxo tamén en valor a aposta económica da Deputación, con 5 millóns de euros destinados á campaña e bonos de 100 euros por persoa usuaria para realizar compras nos establecementos adheridos contribuíndo a xerar actividade económica, manter riqueza no territorio e "encher de vida os nosos municipios". Valorou tamén o diálogo mantido coa Deputación para adaptar o calendario da campaña e evitar a súa coincidencia cos principais períodos comerciais do Black Friday e do Nadal.

Adhesión dos comercios do 6 ao 20 de outubro

O prazo para que os comercios se adhiran ao programa estará aberto entre o 6 e o 20 de outubro.

A cidadanía poderá descargar os bonos a partir do 20 de outubro e utilizalos desde esa mesma data ata o 20 de novembro de 2026, ou ata que se esgote o orzamento dispoñible de 5 millóns de euros.

A campaña desenvolverase nos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, reforzando así o papel da Deputación como administración de apoio aos municipios pequenos e ao seu tecido económico local.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X