Historia das mulleres galegas
Do 22 de outubro ao 25 de novembro, compartimos a lectura de Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo.
Acompáñasnos?
Nova lectura no club dixital eBiblioDaCoruna:
- Obra: Arredor de si
- Autor: Ramón Otero Pedrayo
- Sala: Arredor dos libros
- Moderadora: Patricia Cernadas Novo
- Info e alta aquí: https://dacoruna.gal/biblioteca/ebibliodacoruna/ebibliotecadacoruna-club-lector/
ARREDOR DE SI
Novela imprescincible na historia da literatura galega.
Arredor de si tamén se pode considerar a biografía espiritual dos homes da xeración Nós.
Ramón Otero Pedrayo conta a historia dunha descuberta: a de Galicia e a súa cultura. Rexa, ben construída, cunha prosa efectiva que trasmite á persoa lectora o pulo da narración, en obra situou a novela galega na vangarda da época.
Conta a historia de Adrián Solovio, que inicia unha viaxe chea de dúbidas e incertezas existenciais; declárase nun primeiro momento antigaleguista, o que o conduce a un cambio de actitude e á procura da súa propia identidade despois da longa viaxe que fai. Comeza o seu camiño en Madrid e pasa por varias cidades castelás até que recibe a nova da mala saúde do seu tío Bernaldo e decide volver a Galiza. Adrián ten agora máis dúbidas que no inicio a respecto da súa identidade, mais esta vez non teñen que ver coa súa posición individualista e de inadaptado, senón da propia afirmación como galego, membro dun conxunto claramente diferenciado.
Despois da morte do tío Bernaldo inicia unha viaxe por Europa visitando París e Berlín. Cae entón na conta de que Galiza é por si mesma tradición e cultura e que, ao igual que esas cidades europeas, tamén ten identidade propia grazas a iso. É nese intre cando Adrián decide volver á súa terra para loitar por ela e conseguir que ocupe o lugar que merece.
RAMÓN OTERO PEDRAYO
Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unha das máis sobranceiras figuras da Historia da cultura galega. Membro destacado da Xeración Nós, a súa traxectoria vital e intelectual vai dende as cortes republicanas, nas que foi deputado galeguista, ata a presidencia de Editorial Galaxia, cargo que desempeñou ata a súa morte. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografia na Universidade de Santiago. Otero Pedrayo foi un escritor que cultivou todos os xéneros literarios, dende a poesía ao teatro, pasando pola novela, o relato, o xornalismo e, por suposto, o ensaio. Da súa obra literaria cómpre salientar as novelas Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930) e O señorito da Reboraina (1960), os ensaios sobre a paisaxe e a cultura de Galicia, o poemario Bocarribeira (1958) e a súa achega ao eido teatral.