Estás en:Emprego

A Deputación apoia o I Foro de debate sobre memoria democrática no rural e a homenaxe ás persoas represaliadas da comarca do Xallas

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, foi a encargada de inaugurar o encontro, que se desenvolveu este sábado en Santa Comba e conta co financiamento da institución provincial.

A Deputación apoia o I Foro de debate sobre memoria democrática no rural e a homenaxe ás persoas represaliadas da comarca do Xallas

A Deputación da Coruña, a través da súa área de Dereitos Civís, apoia a realización do I Foro de debate sobre memoria democrática no rural e homenaxe ás persoas represaliadas da comarca do Xallas, unha iniciativa promovida polo Concello de Santa Comba que busca recuperar, investigar e divulgar episodios da historia colectiva que durante décadas permaneceron silenciados ou afastados do relato histórico.

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, foi a encargada de inaugurar o encontro, que se desenvolveu este sábado no Auditorio do Edificio Multiúsos de Santa Comba, baixo o título "Do subsolo ás marxes: Santa Comba, moitas preguntas e algunhas respostas". A iniciativa conta co apoio económico da Deputación da Coruña a través da liña de subvencións a concellos para financiar a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos, a realización de actividades e a sinalización de espazos de recuperación da memoria democrática para o ano 2026.

Ao longo da xornada abordáronse diferentes aspectos da historia recente da comarca e de Galicia, con especial atención á mina de wolframio de Varilongo e á súa relevancia económica e xeopolítica nun contexto internacional marcado polos conflitos e os intereses estratéxicos. Tamén se analizou a represión exercida sobre o maxisterio, a educación e as escolas durante a Guerra Civil e a posguerra, así como as distintas formas de violencia, control social e exclusión padecidas polas mulleres, especialmente no medio rural.

O programa incluíu mesas de debate con especialistas, un acto de homenaxe cívica ás persoas represaliadas da comarca do Xallas e a proxección da película Con buena letra. Actividades que pretenden recuperar as historias silenciadas, recoñecer a dignidade das vítimas e contribuír a transmitir este legado ás novas xeracións.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X