Estás en:Emprego

O espazo da Deputación triunfa o primeiro día do Gastronomic Forum Barcelona

A institución provincial participa nesta feira gastronómica que se celebra do 2 ao 4 de novembro, cun stand no que ofrece unha programación propia de máis dunha vintena de actividade entre showcookings, catas, presentacións e talleres

Os produtores A Conserveira; Bonilla a la Vista; Carnes Dominguez; Mariscos de Barallobre; Cafés Aruba; San Isidro Bakery; Gallegas de Nata; Galmesán; Empanadas Ternura e María Manuela Enoturismo protagonizan o espazo, con demostracións permanentes dos seus produtos

O espazo da Deputación triunfa o primeiro día do Gastronomic Forum Barcelona

A Deputación triunfa durante o primeiro día do Gastronómic Fórum Barcelona. A nova localización da feira gastronómica (Fira de Gran Vía) comezaba a xornada cun público enérxico e desexoso de gozar do evento. Xa na entrada do recinto, os carteis da Deputación da Coruña invitan a descubrir "A paisaxe que sabe" no espazo da institución provincial, que ofrece unha programación con máis dunha vintena de actividades durante os tres días, todas elas destinadas a enxalzar os produtos locais da provincia e o bo facer de chefs que representan a diversidade e a calidade do territorio.

Son as 11 da mañá e o olor a café protagoniza as inmediacións do stand da Deputación. É a quenda de Cafés Aruba e do seu Filter coffee que acompaña do xa característico panettone de San Isidro Bakery e das tradicionais galletas Galegas de Nata. Este comezo doce da paso ao showcooking de Naír González, do Restaurante Muelle 43 de Mugardos, que cociña ameixas en salsa verde de algas da Confraría de Barallobre, acompañada das explicacións do patrón maior, que pon en valor os mariscos autóctonos e a súa forma de cultivo. Unha mostra que se repetiría pola tarde. Despois, Andrés Torreiro, do Restaurante D'Obra de Melide, elabora unha proposta cun guiño a Cataluña, consistente nun allo porro que tratan como un calçot, e unha referencia á súa "terra de doce": unha sobremesa a base dun cremoso de Arzúa – Ulloa con mazá, po de melindre e zume de kiwi. Todos estes pratos manteñen o stand repleto dun público que desfruta dos saberes e sabores da provincia da Coruña.

A xornada da tarde comeza cunha cata vertical de queixos impartida por Óscar Ramil, xerente do CRDOP Arzúa – Ulloa, que falou das peculiares características desta variedade de queixos, e cun taller de harmonías no que o sumiller Alejandro Padín daba a probar os viños da IXP Terras de Betanzos acompañando o porco celta de Cárnicas Domínguez de Vimianzo, para continuar cun novo pase de Naír González. Con ese sabor de boca a delegación provincial trasladábase á Sala Taller, onde tivo lugar unha das actividades máis destacadas da feira: o relatorio – degustación de Manuel Costiña (Retiro da Costiña, Santa Coma, dúas estrelas Michelín) que, baixo o nome "1939 – 2026 de pais a fillos" explicou as orixes dunha cociña que evoluciona e un territorio que permanece.

O público da sala degustou, así, tres produtos, tres paisaxes e unha mesma provincia: o polbo de Lira; a pataca de Coristanco e a carne de raza cachena. Durante a presentación do relatorio, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou a importancia de «traer a un foro de tanta relevancia como o Gastronomic Forum Barcelona a identidade gastronómica da provincia a través dos seus produtos e dos profesionais que a representan». Regueira puxo tamén en valor a traxectoria do restaurante Retiro da Costiña, ao que definiu como «un referente da cociña galega contemporánea», que destaca polo seu respecto polo produto e polo territorio, a humildade e o bo trato, así como pola calidade da súa proposta gastronómica e o talento dos seus chefs. «A nosa cociña é tamén unha maneira de contar quen somos, de onde vimos e o valor do noso territorio. Detrás de cada produto hai unha paisaxe, unha tradición e o traballo de moitas persoas que queremos dar a coñecer e poñer en valor», sinalou.

A presentación e degustación das Empanadas Ternura da Coruña concluíu a programación de hoxe, nunha mostra dun dos produtos máis emblemáticos da provincia que incluía recheos de atún, bacallau con pasas, porco con mazán e xamón asado.

Mañá continúa a programación
Mañá a axenda continuará cos showcookings de Víctor Basante (Restaurante Arrueiro de Laxe), e novas sesións de Nair González dedicadas á empanada. A xornada inclúe tamén un taller de harmonías entre viños da D.O. Rías Baixas María Manuela, queixo Galmesán e patacas fritidas Bonilla a la Vista, ademais das presentacións de A Conserveira de Ribeira con ostras afumadas e voandeiras e os produtos de porco celta de Cárnicas Domínguez.

O mércores pecharase o programa coa presenza de Mar Lago e Álex Martínez (Restaurante Bacelo) e as súas propostas de "Antollo ferrolán" e navallas a 65º con allo branco de pistacho. Nair González presentará a preparación de carneiro con caldo do lacón e grelos, e Alejandro Paadín conducirá un último taller de harmonías unindo viños da IXP Barbanza e Iria con patés tradicionais de atún, mexillón, polbo e navalla da Conserveira de Ribeira.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X