A Deputación recibe a Alejandra Neira, campioa do mundo e de Europa júnior de ciclismo
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destaca a extraordinaria tempada da ciclista compostelá e o seu exemplo para as novas xeracións de deportistas
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, recibiu na tarde de onte á ciclista compostelá Alejandra Neira Domínguez para felicitala polos éxitos acadados nesta tempada, na que se proclamou campioa do mundo júnior en ruta e campioa de Europa júnior en contrarreloxo.
Leira trasladoulle o recoñecemento da institución provincial por unha traxectoria que a sitúa entre as grandes promesas do ciclismo internacional. “Os éxitos de Alejandra son un orgullo para o deporte da provincia da Coruña e o resultado de moitas horas de esforzo, preparación e constancia. É un exemplo para a mocidade e un referente para as nenas que comezan a practicar ciclismo”, destacou.
A deportista compostelá conquistou o título mundial na proba en liña dos Campionatos do Mundo de Ciclismo en Ruta, celebrados o pasado mes de setembro en Montreal, Canadá. O 7 de outubro sumou o ouro europeo na modalidade de contrarreloxo, no campionato disputado en Liubliana, Eslovenia.
Estes triunfos completan unha extraordinaria tempada na que tamén se proclamou campioa de España júnior tanto en estrada como en contrarreloxo. Ademais, Neira incorporouse o pasado mes de agosto ao Movistar Team, equipo da máxima categoría do ciclismo profesional internacional, co que ten contrato ata 2029.