Estás en:Emprego

A Deputación acompaña a Cineuropa na inauguración da súa 40ª edición, que converte Santiago nun punto de encontro do mellor cinema internacional

A deputada de Cultura, Natividade González, participou onte na gala inaugural do festival, que conta co apoio da área de Cultura da institución provincial.

Cineuropa celebra catro décadas de traxectoria cunha programación de máis de 150 películas durante 17 días, na que teñen un protagonismo destacado o cinema europeo, as novas voces internacionais e a creación audiovisual galega.

A Deputación  acompaña a Cineuropa na inauguración da súa 40ª edición, que converte Santiago nun punto de encontro do mellor cinema internacional

A deputada de Cultura, Natividade González, participou onte na gala de inauguración da 40ª edición de Cineuropa, o Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, que comezou cunha programación especial para celebrar os seus corenta anos de historia. A gala inaugural contou tamén coa participación da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, da concelleira de Cultura, Míriam Louzao, do director da AGADIC, Jacobo Sutil, e do director do festival, José Luis Losa, ademais de representantes institucionais e das entidades colaboradoras. A Deputación da Coruña, a través da súa área de Cultura, apoiou un ano máis este certame, unha das grandes citas culturais de Galicia e un referente para a difusión do cinema de autor, a diversidade cinematográfica e o descubrimento de novas propostas audiovisuais.

Durante a súa intervención no Teatro Principal, Natividade González destacou que o festival foi moito máis ca unha programación cinematográfica: «Cineuropa nunca foi só cinema. Cineuropa foi, e segue sendo, unha maneira de vivir Compostela». Neste sentido, puxo en valor a capacidade do certame para crear comunidade, favorecer os encontros e converter a experiencia individual de asistir ás proxeccións nunha vivencia colectiva. «Podes entrar soa nunha sala, pero formas parte de algo moito máis grande. E iso é o que fai que un festival permaneza vivo durante corenta anos».

A deputada salientou tamén o papel do cinema como ferramenta para coñecer outras realidades e fomentar o pensamento crítico, especialmente nun contexto no que, segundo sinalou, «tantas veces se pretende simplificar a realidade, levantar muros ou reducir os espazos para o pensamento crítico». «A cultura tamén é liberdade, é diversidade, é pensamento crítico. É a posibilidade de coñecer outras realidades e de cuestionar as nosas propias certezas», afirmou.

Nese sentido, expresou que «apoiar Cineuropa é apoiar un proxecto cultural que leva corenta anos formando públicos, creando comunidade, achegando novas miradas e facendo de Compostela un referente cultural». E aproveitou tamén para reivindicar o modelo de políticas culturais que defende a institución provincial: «A cultura como un dereito, non como un privilexio». E engadiu que «os proxectos culturais necesitan compromiso, continuidade e institucións que entendan que investir en cultura é investir na sociedade».

A 40ª edición de Cineuropa desenvólvese do 6 ao 22 de novembro e ofrece máis de 150 películas ao longo de 17 días de programación. A selección reúne algúns dos títulos máis destacados da tempada cinematográfica internacional, con filmes recoñecidos nos principais festivais do mundo, novos traballos de cineastas de referencia e unha ampla presenza do audiovisual galego. O cinema galego ten tamén un espazo destacado, con estreas en Galicia e propostas que amosan a diversidade e a vitalidade da creación audiovisual propia. Ademais das proxeccións, o festival desenvolve retrospectivas, encontros e actividades paralelas que permitirán celebrar a súa traxectoria e reivindicar o cinema como espazo de reflexión, coñecemento e encontro cultural.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X