Estás en:Emprego

Máis de 350 nenos e nenas participan na Coruña no IV Circuíto de Atletismo en Pista da Deputación

O deputado de Deportes, Antonio Leira, asistiu ao inicio das probas, celebradas nas instalacións deportivas do campus de Elviña da Universidade da Coruña

Máis de 350 nenos e nenas participan na Coruña no IV Circuíto de Atletismo en Pista da Deputación

Máis de 350 nenos e nenas participan hoxe na segunda xornada do IV Circuíto de Atletismo en Pista Deputación da Coruña, que se celebra nas instalacións deportivas do campus de Elviña da Universidade da Coruña (UDC). O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, asistiu ao inicio das probas para amosar o apoio da institución provincial a esta iniciativa, organizada en colaboración coa Federación Galega de Atletismo.

A competición reúne a mozos e mozas das categorías sub-10, sub-12 e sub-14, que participan en diferentes disciplinas atléticas, como carreiras de velocidade e medio fondo, saltos de altura e lonxitude e lanzamento de peso, nunha xornada que combina a competición deportiva coa convivencia entre atletas de diferentes clubs da provincia.

Antonio Leira destacou a importancia de iniciativas como este circuíto para fomentar a práctica do atletismo desde idades temperás e facilitar que os nenos e nenas poidan participar en competicións adaptadas ás súas categorías.

“O apoio ao deporte de base é unha das prioridades da Deputación da Coruña”, sinalou o deputad de Deporrtes, Antonio Leira, que subliñou tamén que “o importante nestas idades non son só as marcas ou os resultados, senón aprender valores como o esforzo, a superación, e o compañeirismo. Ese é o verdadeiro éxito de competicións coma esta”.

O IV Circuíto Deputación da Coruña de Atletismo en Pista desenvolvese ao longo de tres xornadas en diferentes puntos da provincia, coa previsión de reunir máis dun milleiro de participantes no conxunto da competición.

A primeira cita celebrouse o pasado 7 de novembro nas pistas da Universidade de Santiago de Compostela, mentres que a segunda ten lugar hoxe na Coruña. O circuíto concluirá o vindeiro 28 de novembro nas pistas da Malata, en Ferrol.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X