Estás en:Emprego

Regueira destaca a madurez do sector turístico da Costa da Morte e a súa capacidade para avanzar desde a cooperación e a sustentabilidade

O vicepresidente participou esta tarde no VI Encontro de Turismo da Costa da Morte, unha cita anual que reúne representantes institucionais, profesionais e entidades sociais para compartir experiencias e avanzar no desenvolvemento turístico do xeodestino

Regueira destaca a madurez do sector turístico da Costa da Morte e a súa capacidade para avanzar desde a cooperación e a sustentabilidade

O Parador da Costa da Morte acolleu esta tarde o VI Encontro de Turismo da Costa da Morte, organizado pola Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) co obxectivo de fomentar o traballo en rede e o intercambio de ideas e experiencias entre os distintos axentes do territorio para contribuír ao seu desenvolvemento económico e social a través do turismo. O vicepresidente, Xosé Regueira, participou no encontro, onde puxo en valor a “madurez” alcanzada polo sector turístico da Costa da Morte e a capacidade das diferentes administracións, entidades empresariais e profesionais para traballar conxuntamente na construción dun modelo turístico sostible, respectuoso coa identidade do territorio e xerador de oportunidades.

Regueira destacou que a Costa da Morte é un “territorio espectacular, cunha oferta de produtos turísticos cada vez máis consolidada e con maior presenza no escaparate turístico nacional”. Neste sentido, sinalou que a chegada do Camiño de Santiago a estas terras representa unha oportunidade “moi única” para o xeodestino, especialmente ante a previsión dun 2027 de récord coa celebración do Xacobeo.

O vicepresidente incidiu en que detrás da evolución positiva do turismo na comarca hai un importante traballo colectivo e unha aposta pola colaboración. “Aquí fixéronse cousas moi boas. As diferentes administracións públicas soubemos entendernos, e iso é algo moi importante nestes tempos que corren”, afirmou. Tamén recoñeceu o papel das entidades empresariais e dos profesionais turísticos na creación de oportunidades e na evolución cara a un modelo máis sostible, “sen perder a esencia do territorio e sen mentir”.

“Estou moi orgulloso das persoas que estades representando o sector empresarial” engadiu. “Entre todos fixemos un labor moi importante, apartando diferenzas e traballando en equipo”, manifestou Regueira, que apelou á responsabilidade de manter esa madurez nun sector que xa se move en cifras próximas aos nove millóns de turistas.

Un dos momentos centrais da xornada foi a homenaxe ás entidades sociais da Costa da Morte, en recoñecemento ao seu labor e á súa contribución ao territorio. O encontro incluíu tamén a actuación musical de Caamaño & Ameixeiras e a entrega do recoñecemento «Embaixador da Costa da Morte 2026» ao xornalista Xosé Ameixeiras, natural de Vimianzo, pola súa traxectoria dedicada a dar voz e visibilidade ao territorio a través da prensa e dos medios de comunicación.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X