A Deputación da Coruña abre hoxe o prazo para solicitar as axudas do PEL 2027, dotadas con 8,66 millóns de euros
A Deputación destina 4,7 millóns de euros á creación e ao mantemento de empregos, 2,76 millóns a investimentos e 1,2 millóns a cotas e alugueiros das persoas autónomas
As catro liñas son compatibles entre si e poden sumar ata 48.900 euros. As solicitudes poderán presentarse a través de SUBTeL ata o 18 de decembro
A Deputación da Coruña abre hoxe, martes 24 de novembro, o prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local (PEL) de 2027. O goberno presidido por Valentín González Formoso dota esta nova convocatoria do PEL cun orzamento inicial de 8,66 millóns de euros para que as pemes, as microempresas e as persoas autónomas dos concellos rurais da provincia poidan contratar persoal, manter postos de traballo, modernizar os seus negocios e facer fronte a gastos fixos. O prazo de solicitudes remata o 18 de decembro ás 14.00 horas e a tramitación realizarase exclusivamente a través da plataforma SUBTeL da Deputación.
“O PEL constitúe un dos principais programas dentro da estratexia da Deputación da Coruña para impulsar e fortalecer o tecido empresarial dos pequenos concellos, fomentar a creación de emprego e axudar ás persoas autónomas e ás pequenas empresas a consolidar e facer medrar os seus negocios”, destacou González Formoso.
As catro liñas de subvencións do PEL son compatibles entre si. As empresas e as persoas autónomas que cumpran os requisitos de todas elas poderán recibir ata 48.900 euros. Para facilitar o acceso de novos negocios ao programa, a Deputación mantén o criterio de dar maior puntuación ás empresas que non recibiron axudas do PEL en edicións anteriores.
As convocatorias prevén a posibilidade de incrementar as dotacións orzamentarias iniciais, polo que estes 8,6 millóns poderían ampliarse.
Ata 12.000 euros por de axuda por contratación
A liña PEL-Pemes para Creación e Ampliación de postos de traballo conta con 3,5 millóns de euros para apoiar as novas contratacións de pemes, microempresas e persoas autónomas en concellos de menos de 20.000 habitantes. As axudas cubrirán ata o 60 % dos custos salariais e de Seguridade Social, cun máximo de 12.000 euros por contrato a xornada completa.
A través de PEL-Pemes Mantemento, a Deputación destina outros 1,2 millóns de euros a dar continuidade aos contratos indefinidos formalizados ao abeiro das axudas PEL-Pemes deste 2026. A contía máxima será de 10.000 euros por posto de traballo e poderá chegar aos 11.000 euros no caso das persoas pertencentes aos colectivos vulnerables recollidos nas bases.
Ata 17.500 euros para modernizar os negocios rurais
A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2,76 millóns de euros, diríxese ás pemes, microempresas e persoas autónomas dos concellos de menos de 10.000 habitantes. As axudas financiarán ata o 70 % do investimento na compra de maquinaria, mobiliario, aplicacións e equipos informáticos directamente vinculados á actividade do negocio, cun máximo de 17.500 euros por persoa ou entidade beneficiaria.
Ata 8.400 euros para cotas e alugueiros das persoas autónomas
A liña PEL-Autónomos/as conta con 1,2 millóns de euros para axudar ás persoas autónomas dos concellos de menos de 10.000 habitantes a sufragar as cotas á Seguridade Social e o alugueiro de oficinas, locais comerciais e centros de traballo. O apoio ao alugueiro, incorporado este 2026, mantense nesta convocatoria cun máximo subvencionable de 500 euros ao mes. A axuda anual poderá alcanzar os 8.400 euros.
Sesión informativa o 27 de novembro
O persoal técnico do Plan de Emprego Local ofrecerá o venres 27 de novembro, ás 10.00 horas, unha sesión informativa para explicar os requisitos de cada liña e resolver dúbidas sobre a presentación das solicitudes. As persoas interesadas poden inscribirse na web de Emprego da Deputación. As bases reguladoras do programa publicáronse no Boletín Oficial da Provincia número 224, do 23 de novembro de 2026.
Máis de 10 millóns de euros para 1.510 empresas e persoas autónomas en 2026
Na convocatoria deste 2026, a Deputación concedeu 10.036.501,39 euros a 1.510 pemes, microempresas e persoas autónomas. As liñas de emprego chegaron a 504 empresas e profesionais autónomos, que recibiron máis de 5 millóns de euros para realizar 342 novas contratacións e manter 162 postos de traballo indefinidos creados ao abeiro da convocatoria anterior.
Outras 730 persoas autónomas recibiron preto de 2,2 millóns de euros para sufragar cotas á Seguridade Social e alugueiros. A liña de investimentos distribuíu máis de 2,75 millóns de euros entre 276 empresas e persoas autónomas, todas elas beneficiarias desta liña por primeira vez.
Desde a súa posta en marcha en 2016, o Plan de Emprego Local mobilizou máis de 140 millóns de euros, contribuíu á creación de 9.033 empregos e apoiou a posta en marcha de 15.733 empresas na provincia da Coruña.