Estás en:Emprego Novas

O centro de coworking da Deputación no Pazo de Arenaza (Oleiros) xa funciona a pleno rendemento

O deputado de Emprego, José Ramón Riobóo e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, visitaron as instalacións e coñeceron as experiencias das 25 persoas que traballan en Arenaza

A Deputación traballa xa nun proxecto para acometer a ampliación do centro ante a importante demanda que rexistra para acoller proxectos emprendedores

Riobóo destaca o bó funcionamento do espazo oleirense, "o buque insignia" da futura Rede Provincial de Espazos de Coworking que se estenderá a municipios coma Boiro, Brión, Carballo e Ames

O centro de coworking da Deputación no Pazo de Arenaza (Oleiros) xa funciona a pleno rendemento

O Pazo de Arenaza recibiu esta mañá a visita do deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Riobóo Castro, e do alcalde de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, que acudiron ao espazo de traballo para comprobar en primeira persoa o funcionamento do primeiro centro de traballo colaborativo impulsado pola Deputación da Coruña neste singular inmoble oleirense, que data de 1925 e que foi obxecto dunha importante reforma por parte da institución provincial.

O Pazo de Arenza está traballando xa a pleno rendemento, con 18 proxectos empresariais implantados (6 deles en fase de incubación) nos que traballan na actualidade 25 persoas, a súa capacidade máxima. A maioría dos emprendedores/as proceden de concellos da área coruñesa coma A Coruña, Oleiros, Sada, Culleredo e Cambre e desenvolven actividades ou ofrecen servizos relacionados co eido da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería, as enerxías renovables ou o interiorismo; aínda que tamén hai proxectos do ámbito tecnolóxico, creativo, da saúde e benestar ou de comunicacións.

Riobóo e García Seoane percorreron os 780 metros cadrados cos que conta o Pazo, que oferta 25 espazos de traballo e conta con salas de reunións, unha sala de 30 m2 destinada á presentación de proxectos, aulas de formación, áreas de descanso, despachos, cociña, xardíns e outros espazos comúns e versátiles, que xa foron bautizados con nomes como a Sala Lareira ou a Sala Fernández-Albalat e que, ademais da actividade profesional cotiá dos emprendedores, permiten o desenvolvemento de diferentes accións formativas ou eventos empresariais.

José Ramón Riobóo e Ángel García Seoane coñeceron como se desenvolve unha xornada no centro, interesáronse pola actividade e o funcionamento dos proxectos empresariais implantados en Arenaza e tiveron oportunidade de compartir un café cos emprendedores para coñecer de primeira man as súas impresións.

"Pareceunos estupenda a elección dun lugar coma este para un centro de coworking. Ofrece moitas posibilidades e permítenos intercambiar ideas e experiencias. Debería ser un exemplo que se estenda a  utilizar edificios coma este para instalacións coma esta, que cada día teñen máis uso", afirmou José Ramón Novoa, o primeiro emprendedor que se instalou no centro co proxecto empresarial Cuatro&Pico.

Pola súa banda, a Trinidad G. Ferreiro, que dirixe un proxecto de asesoría inmobiliaria, destacou que "non existe moita oferta de espazos así. Mesmo hai xente que decidiu emprender porque atopou este espazo".

Futura ampliación do centro

"É realmente interesante o que facedes aquí", afirmou o deputado José Ramón Riobóo, que afirmou que "na Deputación estamos moi satisfeitos co resultado desta iniciativa e somos conscientes de que hai unha necesidade de ampliar as instalacións". Neste sentido, o deputado anunciou que "estamos traballando nun proxecto que proximamente presentará o presidente, Valentín González Formoso, ao alcalde de Oleiros e que esperamos que nos permita ampliar no futuro o número de espazos dispoñibles nun centro que é o buque insignia da futura Rede de Centros de Traballo Colaborativo".

Riobóo subliñou que a a Rede Provincial de Coworking "é unha aposta en firme do presidente da Deputación e do Goberno provincial, que planta a súa primeira semente en Oleiros, pero que se estenderá pronto a outros municipios coruñeses que xa están adaptando espazos para esta función coma Boiro, Brión, Carballo e Ames".

Pola súa banda, Ángel García Seoane apuntou tamén a necesidade de ampliar as instalacións rehabilitando a zona das cabaleirizas que quedou pendente nas obras de reforma de Arenaza, dada a alta ocupación que rexistra o centro e a lista de espera existente para acceder a un espazo. Seoane repasou a longa historia do edificio, que acolleu unha residencia e un centro de día e felicitou aos emprendores pola súa actividade.

Actividades de formación e soporte ao emprendemento

Riobóo e García Seoane aproveitaron para coñecer mellor as actividades de formación e asesoramento que se levan a cabo en Arenaza, como a Xest-hora, un servizo de asesoramento por parte dunha persoa experta en xestión; o English Lunch, unha comida semanal integramente en inglés para fomentar a práctica do idioma entre os/as coworkers; o Business Bites, que consiste en pequenas píldoras formativas sobre un tema específico de interese, tendo lugar xa sobre ferramentas como Trello ou a creación dun plan de marketing; eventos de networking e formación como a Lacon Network e o FreelancersDay2019; xornadas formativas sobre distintos eidos de interese para os emprendedores e emprendedoras; e outras charlas de persoas especialistas en diversas materias, recibindo a visita de expertos de reputadas institucións como o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais, axencias de comunicación e marketing como Venditos, empresas recoñecidas (nacionais e internacionais) como Infonet, Docuten Xoia Software, Torusware, Pax Tecum, etc.

Ademais, souberon un pouco máis da axenda de eventos dos próximos meses, entre os cales se atopa a segunda parte do Digital Transformation Day, unha xornada organizada polo ICOIIG dentro dos Tech Days de Arenaza, que terá lugar o próximo 22 de outubro e no cal un grupo de expertos afondará na transformación dixital, as súas novas tecnoloxías e a industria 4.0.

O Pazo de Arenaza é un espazo de traballo impulsado pola Deputación da Coruña. Leva funcionando desde abril e actualmente mantén todos os postos cubertos. Non obstante, o proceso para a presentación de solicitudes de acceso ao espazo encóntrase permanentemente aberto e as súas instrucións de acceso poden ser consultadas na web arenaza.pel.gal.

Para obter máis información poder poñerse en contacto co espazo de traballo colaborativo enviando un correo a arenaza@pel.gal ou chamando ao número 881 022 544.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X