Estás en:Emprego Novas

O programa PEL-PEMES da Deputación da Coruña financia a contratación de 173 persoas en pequenas empresas da provincia

A Deputación destina 2.270.000 euros para financiar o 75% do salario dos traballadores e traballadoras durante un ano

González Formoso destaca que o obxectivo do PEL é fomentar a creación de emprego estable e de calidade, especialmente nos concellos máis pequenos e rurais da provincia

O 72% dos contratos son indefinidos e o 93% benefician a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral

Dende a súa creación, as diferentes liñas do PEL impulsaron a creación de preto de 2.700 empregos directos na provincia da Coruña

O programa PEL-PEMES da Deputación da Coruña financia a contratación de 173 persoas en pequenas empresas da provincia

A Deputación da Coruña vén de publicar no BOP a listaxe das 173 pequenas empresas e autónomos da provincia que serán beneficiarias/os das axudas para a contratación do programa PEL-PEMES 2019/2020 para apoiar a creación de emprego na provincia.

Cun importante esforzo investidor de algo máis de 2.270.000 euros, esta liña do Plan de emprego local (PEL) permitirá a contratación de 173 persoas durante un ano. Neste período, a Deputación asumirá ata o 75% do salario total dos traballadores, impulsando así a actividade empresarial das PEME e autónomos e apoiándoas na creación de emprego.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que dende a súa creación o PEL impulsou a creación preto de 2.700 empregos directos na provincia a través das súas diferentes liñas de apoio a concellos, PEME e emprendedores/as.

"Os nosos obxectivos son fomentar a creación de emprego estable e de calidade, especialmente nos concellos máis pequenos e rurais da provincia, axudar a fixar poboación e apoiar a inserción laboral das persoas con maiores dificultades para atopar un emprego", afirmou González Formoso, que destacou que destas 173 axudas concedidas, preto do 72% (124) realizaranse na modalidade de contratación indefinida e que o 93% (161 contratos) corresponden a colectivos coma parados de longa duración, maiores de 45 anos ou menores de 30, mulleres ou persoas con discapacidade.

En canto á distribución das axudas por concellos, é de destacar que todas as empresas e autónomos/as beneficiarios son de concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Destacan como concellos cun maior número de solicitudes concedidas os seguintes:

Santa Comba (13), Curtis (10), Mazaricos (9), Boiro (7), Zas (7), Cee (6), Melide (6), Ordes (6), Bergondo (4), Betanzos (4), Camariñas (4), Corcubión (4), Laxe (4), Oroso (4) e As Pontes (4).

Analizando os datos de distribución das axudas por comarcas, as máis representadas por número de solicitudes concedidas son as de Betanzos (con 23 solicitudes concedidas e un total de 289.847,50 €), a de Xallas (con 22 solicitudes concedidas e un total de 282.424,50 €), Fisterra (con 17 solicitudes por un total de 205.453,57 €), Ordes (con 17 solicitudes por un total de 236.116,32 €), Terra de Soneira (con 13 solicitudes por un total de 165.985,08 €), Barbanza (12 solicitudes por un total de 174.750,00 €), Santiago (con 10 solicitudes e un total de 142.392,81 €) e Eume (con 9 solicitudes e un total de 126.648,52 €).

Atendendo á tipoloxía de negocio, a meirande parte das beneficiarias son microempresas (empresas con menos de 10 traballadores/as), representando o 57% do total, mentres que os autónomos ou empresarios/as individuais supoñen o 37%. A porcentaxe restante, é dicir, o 6% corresponde a pequenas e medianas empresas.

Analizando os datos das entidades beneficiarias por sectores produtivos, destaca a forte presencia do sector terciario, xa que un 79% das axudas destinarase a empresas e autónomos/as que exercen actividade nel. Ao sector terciario séguelle o sector secundario na distribución de axudas, posto que empresas deste sector son beneficiarios dun 12% das axudas totais, mentres que o sector primario resulta beneficiario dun 9% destas subvencións.

As empresas beneficiarias abranguen un gran abano de actividades empresariais, destacando as vinculadas ao sector do comercio (21,38%), a Hostalería e Turismo (20,23%) e á Construción e Reformas (5,7%).

Entre os criterios de valoración que se tiveron en conta á hora de conceder as axudas están: a poboación do municipio onde se sitúa a empresa, a actividade económica, tipoloxía de empresa, a forma xurídica da empresa no caso de estar enmarcada na economía social, cadro de persoal da empresa, a forma de selección do persoal contratado, as características do contrato do traballador e da persoa desempregada contratada, as medidas de responsabilidade social levadas a cabo pola empresa e non ter sido beneficiario da axuda na convocatoria anterior desa mesma liña.

Priorizándose as empresas que optaban por contratacións indefinidas, as realizadas a través dos servizos públicos de emprego, as que optan por contratar aos colectivos máis vulnerables (persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45, menores de 30, mulleres desempregadas e persoas con discapacidade), así como aquelas empresas situadas en concellos de menos de 2.000 habitantes e con actividade económica clasificada nunha das consideradas con mellores perspectivas segundo a Estratexia Española de Activación para o Emprego 2017-2020.

As empresas poderán dedicar a subvención a contratacións durante un período de un ano. As persoas que se vaian contratar deberán estar empadroadas en calquera dos municipios da provincia da Coruña, ademais de estar en situación de desemprego e inscritas como demandantes de emprego nos Servizos Públicos de Emprego.

A listaxe completa das empresas pode consultarse na seguinte ligazón:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/11/19/2019_0000009293.pdf

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X