Estás en:Emprego Novas

Mañá abrirá o prazo para que os concellos da provincia poidan adherirse ao programa PEL-Reactiva da Deputación da Coruña

Este fondo de financiamento enmárcase dentro do Plan de Emprego Local da Deputación e conta cun orzamento de 10 millóns de euros.

"Con esta liña de axudas duplicamos o investimento que a Deputación realiza en materia de emprego este ano" sinalou o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso.

Os concellos poderán adherirse ao plan desde mañá ata o 9 de outubro ás 14:00 horas.

Mañá abrirá o prazo para que os concellos da provincia poidan adherirse ao programa  PEL-Reactiva da Deputación da Coruña

Hoxe publicouse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a aprobación da convocatoria da nova liña do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, PEL-Reactiva, dirixida á reactivación económica e social da provincia. O prazo para que os concellos soliciten estas axudas abrirá mañá e rematará ás 14:00 horas do día 9 de outubro.

PEL-Reactiva pretende impulsar a actividade económica e o emprego nos municipios de menos de 50.000 habitantes para paliar a crise xerada pola Covid-19 nas microempresas e persoas autónomas, un dos sectores máis afectados pola pandemia. A liña contará cun orzamento de 10 millóns de euros e "suporá duplicar o investimento que a Deputación realizará en materia de emprego este ano", sinalou o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso.

Os fondos poden ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da Covid-19, compra e instalación de mamparas, adquisición de produtos de limpeza e protección, así como a gastos correntes.

O reparto de fondos será completamente obxectivo, baseándose no número de autónomos e microempresas de cada municipio. Para beneficiarse das axudas os concellos deberán adherirse ao Fondo e solicitar a contía que lle corresponda en función deste número. As subvencións que se han conceder aos Concellos oscilarán entre un mínimo de 11.271,99 euros e un máximo de 550.578,18 euros.

Unha vez concedidas, serán os propios concellos os que anunciarán as convocatorias para que microempresas e persoas autónomas poidan beneficiarse destas contías. A achega provincial constitúe o 80 % da axuda total a distribuír, poñendo os concellos o 20% restante con fondos propios. Sumando o investimento municipal, o orzamento total pode incrementarse ata os 12 millóns de euros.

As solicitudes e resto da tramitación da convocatoria realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.

As bases completas do programa poden consultarse no BOP do 18 de agosto

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X