Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña presenta unha campaña para promocionarse como destino turístico "competitivo, saudable e seguro"

"956 km de costa e un camiño infinito dan para moito" é o lema co que quere atraer turistas e reactivar o sector

A Deputación da Coruña presenta unha campaña para promocionarse como destino turístico

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, presentaron esta mañá a nova campaña de promoción turística coa que queren posicionar o destino e atraer turistas nun mercado que aposta por recursos naturais, seguros e saudábeis. "956 km de costa e un camiño infinito dan para moito" é o lema da nova campaña que se intensificará por volta dos principais períodos vacacionais e quere competir fundamentalmente polo turismo de proximidade.

Valentín González Formoso, defendeu a necesidade de desenvolver novas liñas de promoción turística co fin de revitalizar un "dos piares claves da nosa provincia a nivel económico co que queremos contribuír cun esforzo que é importante para os milleiros de persoas que viven do turismo".

O presidente explicou que, mesmo sen ter competencias no sector, a Deputación defende o interese de traballar de maneira colaborativa neste ámbito e, de maneira especial, nunha situación como a que vivimos, polo que a institución xa organizou "un foro en pleno confinamento con persoas técnicas de consorcios mancomunidades que coñecen de primeira man a evolución do sector e o freazo que se experimentou coa covid e, derivado diso é precisamente a campaña que hoxe presentamos".

Neste sentido, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira apuntou que no sector turístico "reside máis do 50% da economía da provincia e supón tamén máis do 50% dos postos de traballo polo que a preocupación ten que ser máxima e, tendo en conta as circunstancias e a diagnose realizada queremos definir unha estratexia que nos faga máis competitivos e colaborativos". Explicou así que a campaña se insire nun proxecto global no que tamén se inclúe a colaboración cos seis xeodestinos da provincia para a mellora da competitividade e calidade e tamén cos concellos na contratación de persoal especializado para a atención ao turismo e deseño de novos produtos.

"Aspiramos a ser competitivos e imos intentar selo máis que o resto dos territorios porque confiamos nas posibilidades do noso territorio para superar a situación que estamos a vivir", sinalou Regueira para quen, cos datos na man, a temporada de verán salvouse no ámbito rural mentres o problema fundamental residiu nas cidades coas que buscarán "establecer unha estratexia colaborativa para afrontar os próximos meses".

Calidade, competitividade , colaboración e seguridade

Coa campaña que hoxe se presentou, Xosé Regueira explica que se intenta transmitir "calidade, frescura, seguridade no destino, buscando a amplitude territorial da cantidade de costa e intentando un equilibrio interior/costa e rural/urbano, ámbitos os dous necesarios para a recuperación".

O lema, segundo sinalou, "é moi atractivo porque só falar de quilómetros de costa dá sensación da cantidade de recursos de mar que temos nunha costa viva que non é só areal e praia senón tamén outros subprodutos como a Ruta das Baterías, o Surf, o proxecto de Xeoparque de Ortegal, o Fin do Camiño, entre outros ademais de prácticas ancestrais que nos van permitir posicionarnos no mercado". Ademais, o lema inclúe o concepto de "camiño infinito" que, segundo engadiu non só se refire aos camiños de Santiago senón a tantos outros que atravesan o territorio.

A campaña tentará atraer turistas que buscan un destino seguro e saudábel, de maneira especial, de proximidade, dada a situación provocada pola pandemia. Xosé Regueira considera así que a provincia da Coruña, "pode posicionarse con forza e de maneira competitiva nese ámbito, ofrecendo a riqueza de recursos e a aposta polo turismo de calidade".

Defendeu tamén a colaboración das administracións cunha "estratexia ben deseñada e apoiada" para salvar o sector e non centrar todos os recursos nun único destino "hai moita incerteza e as institucións teñen que estar á altura da situación".

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X