Estás en:Emprego Novas

A Deputación publica hoxe a concesión aos concellos das axudas do PEL-Reactiva, dirixidas a apoiar a autónomos e microempresas afectadas pola Covid-19

A Deputación achega 10 millóns de euros e os concellos 2,5 para pór en marcha este paquete de axudas, que oscilarán entre 1.500 e 3.000 euros

As axudas solicitaranse a través dos concellos e o prazo remata o 25 de novembro ás 14.00 horas

A Deputación publica hoxe a concesión aos concellos das axudas do PEL-Reactiva, dirixidas a apoiar a autónomos e microempresas afectadas pola Covid-19

A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP a resolución pola que se aproba a concesión definitiva das subvencións correspondentes ao Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña, PEL-Reactiva.

A Deputación achega 10 millóns de euros para este novo programa, ao que se sumaron 88 dos 90 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. A achega provincial compleméntase con outros 2,5 millóns achegados polos concellos, polo que o orzamento total do PEL-Reactiva alcanzará os 12,5 millóns de euros que se distribuirán entre os profesionais autónomos/as e microempresas cuxo negocio se vise afectado pola pandemia da Covid-19.

A Deputación, consciente da delicada situación que atravesan moitos autónomos/as e microempresas polo contexto de incerteza actual, duplicou este ano o investimento destinado a Emprego, que supera xa os 23 millóns de euros na anualidade 2020.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, defendeu recentemente a creación de emprego como "o eixo principal de todas as políticas da Deputación da Coruña" e explicou que, debido á pandemia, houbo un importante traballo de reorganización orzamentaria para dotar de fondos a un plan que pretende ser "un apoio masivo e necesario para os autónomos e as pequenas empresas da provincia". Así mesmo, o presidente destacou a importancia de "crear sinerxias" e "traballar de forma coordinada entre distintas administracións", cun programa "que conta coa colaboración esencial dos concellos".

En PEL-Reactiva, o reparto de fondos aos concellos realizase de forma absolutamente obxectiva, baseándose no número de autónomos/as e microempresas de cada municipio, de aí que o reparto dos 10 millóns de euros oscile entre os 11.271,99 euros concedidos ao concello de Toques e os 550.578,18 euros concedidos a Carballo.

Os concellos tramitarán as axudas

A partir da vindeira semana, serán os concellos os que pasen a canalizar todas as solicitudes do seu tecido empresarial para distribuír os 12,5 millóns de euros que conforman o programa. Nos 5 días hábiles seguintes a á publicación da resolución de asignación de fondos de hoxe, os concellos deberán remitir a súa convocatoria específica de axudas á Base de Datos Nacional de Subvencións para rexistrala e publicala no BOP.

Ao día seguinte da publicación da convocatoria por parte de cada concello no BOP, os autónomos/as e microempresas poderán solicitar directamente no seu concello as axudas, que se rexistrarán de xeito telemático a través das distintas Sedes Electrónicas municipais.

Estas axudas da liña PEL-Reactiva poderán solicitalas os autónomos, autónomas e microempresas con domicilio fiscal nalgún dos 88 concellos adheridos ao fondo, que se viran afectadas polo peche do negocio durante o estado de alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE como consecuencia da situación de crise sanitaria orixinada pola COVID-19.

As subvencións, compatibles con outras prestacións municipais, oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e os e os 3.000 euros aos que poden optar as microempresas e autónomos/as que conten cun cadro de persoal de entre 6 e 9 traballadores/as.

Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da pandemia como pode ser a compra de paneis de protección, a adquisición de produtos hixiénicos e de limpeza, material antiséptico ou desinfectante, así como a gastos correntes de subministracións de auga, luz, gas, etc.

O prazo de solicitude destas axudas por parte das microempresas e profesionais autónomos iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación no BOP da convocatoria específica de axudas de cada concello e finalizará ás 14:00 horas do día 25 de novembro de 2020.

Todas as solicitudes tramitaranse de xeito telemático a través das Sedes Electrónicas dos concellos, que poden ser consultadas na páxina web de PEL-Reactiva: dacoruna.gal/pelreactiva

Listaxe de concellos adheridos e importe do fondo asignado a cada un deles

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X