Estás en:Emprego Novas

O pleno da Deputación da Coruña dá luz verde a un expediente de modificación de créditos de 10,5 millóns de euros con importantes investimentos para a provincia

Inclúe unha consignación económica de 500.000 euros para a grada do estadio da Malata (Ferrol) e outra de 378.000 euros para as obras de canalización do río Maior de Sada

O PEL contará este ano con outra partida adicional de 3 millóns de euros, co obxectivo de crear 1.000 empregos nos concellos este ano

Preto de medio millón destinarase a financiar as actividades e investimentos necesarios da candidatura do proxecto do Xeoparque de Ortegal ante a UNESCO

Destinanse fondos para apoiar as actividades culturais e de coñecemento científico da UDC e a USC e para eventos coma a Mostra de Olería de Buño, Alfaroleiros e a Mostra do Encaixe de Camariñas

O pleno da Deputación da Coruña dá luz verde a un expediente de modificación de créditos de 10,5 millóns de euros con importantes investimentos para a provincia

O Pleno da Deputación da Coruña deu hoxe luz verde, por unanimidade de todas as forzas políticas, ao cuarto expediente de modificación de créditos de 2020, por importe de 10.532.976,71 euros, que inclúe a consignación orzamentaria para importantes investimentos na provincia.

Entre eles, destaca unha partida de 500.000 euros para financiar a primeira fase das obras de reforma das gradas do estadio municipal da Malata, en Ferrol, tal como comprometeu o presidente da institución, Valentín González Formoso, na súa visita a Ferrol do pasado 8 de outubro, e outra de 378.000 euros para as obras de canalización do río Maior de Sada, que será financiada con achegas do mesmo importe por parte do Concello de Sada e a Xunta de Galicia para completar un investimento de 1,1 millóns que evitará que se volvan a producir as graves inundacións acontecidas no municipio en 2016.

3 millóns máis para creación de emprego

Unha parte importante dos fondos aprobados hoxe terán como destino a creación de emprego. En concreto, 3 millóns de euros que se destinarán a duplicar o investimento do programa PEL-Concellos, co obxectivo de conseguir a creación de preto de 1.000 empregos nos municipios coruñeses nun ano marcado pola fonda crise económica ocasionada pola pandemia da Covid-19.

Esta liña do PEL destínase á creación de emprego nos concellos de menos de 20.000 habitantes e está destinado a persoas con especiais dificultades de inserción laboral. Conta cun orzamento de 3 millóns de euros, que o goberno provincial quere incrementar agora ata os 6 millóns, co obxectivo de duplicar tamén os 428 empregos creados no que vai de ano.

Tamén no eido social e laboral, a Deputación reserva 90.000 euros para financiar o servizo de intermediación laboral de COGAMI, destinado a crear emprego entre as persoas con diversidade funcional.

O apartado de infraestruturas contará cunha importante inxección económica. 3,2 millóns de euros dos fondos aprobados hoxe destinaranse a ampliar e mellorar estradas provinciais (2.184.080 euros), travesías (420.009 euros) e construción de novas sendas peonís na provincia (624.100 euros).

Outras consignacións aprobadas no expediente son os 490.000 euros para financiar as actividades e investimentos necesarios da candidatura do proxecto do Xeoparque de Ortegal ante a UNESCO, 100.000 euros para as actividades da Fundación-Museo da Construción Naval (EXPONAV), así como as colaboracións económicas da Deputación en eventos coma a feira de olería tradicional Alfaroleiros (25.000 €), a Mostra de Olería de Buño (20.000 €), ou a Mostra do Encaixe de Camariñas (45.000 €).

A Deputación apoiará tamén as actividades culturais e de coñecemento científico das dúas universidades da provincia (UDC e USC) con 170.000 euros e a actividade cultural do Auditorio de Galicia con 200.000 euros.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X