A Deputación da Coruña duplica o investimento do programa PEL-Concellos co obxectivo de crear preto de 900 empregos nos municipios coruñeses
En 2021, o programa PEL-Concellos pasa de 3 a 6 millóns de euros co obxectivo de duplicar tamén o número de empregos
González Formoso destaca que o programa "ofrecerá unha oportunidade laboral a preto de mil persoas nun contexto social e económico tan difícil como o actual" e contribuirá a mellorar os servizos dos municipios
Os concellos de menos de 20.000 habitantes recibirán entre 38.000 e 104.000 euros para a contratación de persoal
As contratacións primarán a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, mulleres, parados de longa duración ou persoas en risco de exclusión social

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases do seu plan de creación de emprego nos municipios (PEL-Concellos), para 2021, que duplica o orzamento con respecto aos anos anteriores e chega ata os seis millóns de euros co obxectivo de crear preto de 900 empregos nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que se trata dunha medida extraordinaria para axudar a crear emprego e paliar as consecuencias da crise derivada da pandemia da Covid-19. "Con 6 millóns de euros de orzamento en 2021, PEL Concellos é o maior programa de creación de emprego municipal impulsado por unha administración local en Galicia e ofrecerá unha oportunidade laboral a preto de mil persoas nun contexto social e económico tan difícil coma o actual", afirmou o presidente.
González Formoso subliñou o "carácter social" do programa, que prima a contratación das persoas pertencentes a aqueles colectivos con maiores dificultades para atopar un emprego e remarcou que o persoal contratado contribuirá a mellorar os servizos públicos dos municipios.
O presidente sostivo que a creación de emprego e a protección social dos colectivos máis desfavorecidos serán os obxectivos principais do Goberno provincial de cara a 2021, co obxectivo de "contribuír á reactivación económica sen deixar a ninguén atrás".
Os concellos recibirán entre 38.000 e 104.000 euros
Os importes da subvención a recibir polos concellos varía en función da porcentaxe de persoas desempregadas coas que conta cada municipio, oscilando as contías a percibir entre os 38.000 e os 104.000 euros, o dobre que este ano. Coa súa asignación do PEL- Concellos, os municipios coruñeses poderán financiar os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal, ademais dos correspondentes aos cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.
Os operarios e operarias, que deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de 25 horas, realizarán labores como recollida e tratamento de residuos, limpeza de rúas, estradas e espazos públicos, melloras nos accesos aos núcleos de poboación e pavimentación de camiños ou mantemento e conservación de centros educativos. Os contratos poderán formalizarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.
Contratación de persoas con dificultades de inserción laboral
Resulta destacable o "carácter social" destas axudas, xa que as persoas a contratar polos concellos deberán estar en situación de desemprego na data de inicio do proceso selectivo e valorarase que pertenzan a determinados colectivos con maiores dificultades para acceder a un emprego.
A Deputación esixe como requisito nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a colectivos coma os maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.
Ademais, dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.
DISTRIBUCIÓN DAS AXUDAS DE PEL-CONCELLOS 2021
COMARCA | CONCELLOS | IMPORTE |
BARBANZA | Boiro | 104.000,00 € |
Carnota | 68.000,00 € | |
Lousame | 62.000,00 € | |
Mazaricos | 62.000,00 € | |
Muros | 92.000,00 € | |
Noia | 104.000,00 € | |
Outes | 74.000,00 € | |
Pobra do Caramiñal | 104.000,00 € | |
Porto do Son | 92.000,00 € | |
Rianxo | 104.000,00 € | |
Total | 866.000,00 € | |
CARBALLO | Cabana de Bergantiños | 74.000,00 € |
Camariñas | 86.000,00 € | |
Cee | 104.000,00 € | |
Cerceda | 62.000,00 € | |
Corcubión | 50.000,00 € | |
Coristanco | 98.000,00 € | |
Dumbría | 68.000,00 € | |
Fisterra | 86.000,00 € | |
Laracha (A) | 104.000,00 € | |
Laxe | 74.000,00 € | |
Malpica de Bergantiños | 74.000,00 € | |
Muxía | 74.000,00 € | |
Ponteceso | 74.000,00 € | |
Vimianzo | 92.000,00 € | |
Zas | 68.000,00 € | |
Total | 1.188.000,00 € | |
A CORUÑA | Abegondo | 68.000,00 € |
Aranga | 50.000,00 € | |
Bergondo | 86.000,00 € | |
Betanzos | 104.000,00 € | |
Carral | 80.000,00 € | |
Coirós | 50.000,00 € | |
Curtis | 62.000,00 € | |
Irixoa | 44.000,00 € | |
Mesía | 50.000,00 € | |
Miño | 86.000,00 € | |
Oza-Cesuras | 74.000,00 € | |
Paderne | 50.000,00 € | |
Sada | 104.000,00 € | |
Sobrado | 50.000,00 € | |
Vilasantar | 38.000,00 € | |
Total | 996.000,00 € | |
FERROL | Ares | 86.000,00 € |
Cabanas | 62.000,00 € | |
Capela (A) | 44.000,00 € | |
Cariño | 68.000,00 € | |
Cedeira | 86.000,00 € | |
Cerdido | 44.000,00 € | |
Fene | 104.000,00 € | |
Mañón | 44.000,00 € | |
Moeche | 38.000,00 € | |
Monfero | 50.000,00 € | |
Mugardos | 86.000,00 € | |
Neda | 80.000,00 € | |
Ortigueira | 80.000,00 € | |
Pontedeume | 98.000,00 € | |
Pontes (As) | 92.000,00 € | |
San Sadurniño | 56.000,00 € | |
Somozas (As) | 50.000,00 € | |
Valdoviño | 86.000,00 € | |
Vilarmaior | 44.000,00 € | |
Total | 1.298.000,00 € | |
SANTIAGO | Arzúa | 74.000,00 € |
Baña (A) | 68.000,00 € | |
Boimorto | 50.000,00 € | |
Boqueixón | 62.000,00 € | |
Brión | 92.000,00 € | |
Dodro | 62.000,00 € | |
Frades | 50.000,00 € | |
Melide | 92.000,00 € | |
Negreira | 92.000,00 € | |
Ordes | 104.000,00 € | |
Oroso | 92.000,00 € | |
Padrón | 104.000,00 € | |
Pino (O) | 62.000,00 € | |
Rois | 68.000,00 € | |
Santa Comba | 98.000,00 € | |
Santiso | 50.000,00 € | |
Teo | 104.000,00 € | |
Toques | 44.000,00 € | |
Tordoia | 50.000,00 € | |
Touro | 62.000,00 € | |
Trazo | 50.000,00 € | |
Val do Dubra | 56.000,00 € | |
Vedra | 62.000,00 € | |
Total | 1.648.000,00 € | |