Estás en:Emprego Novas

Fronte común das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra para esixir a Feijoo maior apoio á hostalaría e comercio “tras nove meses de esforzo do mundo local sen ter recursos nin competencias”

As tres deputacións reclaman ao presidente galego que elimine ou bonifique, tal e como pide o sector, os canons de lixo, auga e electricidade e o tramo autonómico do IRPF

Denuncian a falta de liderado e a deslealdade institucional de Feijoo, que nunca deu resposta ás reiteradas peticións das deputacións para traballar e planificar axudas de forma conxunta

Fronte común das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra para esixir a Feijoo maior apoio á hostalaría e comercio “tras nove meses de esforzo do mundo local sen ter recursos nin competencias”

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra acordaron hoxe esixir ao presidente da Xunta de Galicia un maior apoio aos sectores máis afectados polos efectos da pandemia da Covid-19, coma a hostalaría e o comercio local, tras case un ano no que as administracións locais levan facendo un esforzo importante neste eido, a pesar de carecer de recursos e competencias.

Nunha videoconferencia na que participaron os presidentes e a presidenta das tres institucións provinciais, Valentín González Formoso, José Tomé e Carmela Silva, subliñaron que todas as deputacións e a maioría de concellos puxeron xa en marcha liñas de axudas para apoiar os sectores produtivos máis afectados pola pandemia.

A pesar de tratarse dunha competencia autonómica, o mundo municipal demostrou unha vez máis ser o máis próximo á cidadanía, dando unha resposta moito antes que a Xunta de Galicia, que chega un ano tarde.

Cómpre lembrar que estas axudas municipais e provinciais a sectores coma a hostalaría ou o pequeno comercio fixéronse con recursos propios, sen o apoio económico da Xunta, a pesar de tratarse dunha competencia autonómica e de que a Xunta de Galicia recibiu máis de 200 millóns de euros do Goberno de España para pór en marcha programas destas características.

Bonificacións fiscais da Xunta para o sector

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra esixen ademais que a Xunta incremente o seu apoio a sectores coma o da hostalaría ou o pequeno comercio implantando bonificacións fiscais nos impostos de carácter autonómico que carga a estes sectores, como o canon de tratamento de lixo de Sogama, o canon de augas ou o tramo autonómico de IRPF. As tres deputación entenden que as entidades locais fixeron un importante esforzo bonificando ou suprimindo temporalmente taxas e impostos, mentres que a Xunta mantén a súa presión fiscal aos sectores máis afectados.

Valentín González, José Tomé e Carmela Silva coincidiron tamén en subliñar "a falta de respecto e lealdade institucional" da administración autonómica na forma en que se deu a coñecer o fondo de cooperación, sen pactalo previamente coas entidades locais, que xa teñen en marcha os seus propios plans para paliar os efectos económicos da pandemia. Neste sentido, lamentan que a cogobernanza que Feijoo pide ao Goberno de España non a aplique en Galicia.

Así mesmo, os tres titulares dos gobernos provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra dirixíronse desde o inicio da pandemia e en reiteradas ocasións ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para solicitarlle que coordine as accións de apoio aos sectores máis afectados pola pandemia. Unha solicitude que o presidente da Xunta ignorou e que agora pretende impor sen falar sequera coas administracións locais.

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra entenden que a Xunta debe asumir as súas competencias, xa que ten recursos para facelo e conta coa colaboración do Goberno de España, que transferiu millóns de euros para apoiar ás autonomías na reactivación social e económica.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X