Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña propón que todas as administracións galegas destinen este ano o 1% do seu orzamento a un fondo común de rescate ao sector da hostalaría e turismo

"A proposta emula acordos históricos como o do 0,7% de axudas ao desenvolvemento. É o momento de facer o mesmo coa hostalaría, afirma Valentín González Formoso, que defende que este "1% hostaleiro" é "proporcional e asumible" e permitiría crear un plan de rescate de máis de 140 millóns de euros, fronte aos 50 millóns que propón o goberno galego

"A nosa proposta cuantifica por primeira vez o plan de rescate cunha porcentaxe do 1%, que garante de todas as administracións poden facer este esforzo e participar nun fondo único", apunta o vicepresidente Xosé Regueira

O presidente dos hostaleiros coruñeses aplaude a "valentía" dunha proposta que sumaría os fondos da Xunta, as catro deputacións e os concellos e simplificaría a tramitación

A Deputación levará esta proposta á reunión convocada esta tarde polo Clúster de Turismo de Galicia en Santiago

A Deputación da Coruña propón que todas as administracións galegas destinen este ano o 1% do seu orzamento a un fondo común de rescate ao sector da hostalaría e turismo

A Deputación da Coruña insta a todas as administracións galegas a "sumar forzas" destinando o 1% do seu orzamento de 2021 a un fondo común de rescate para o sector da hostalaría e o turismo, un dos máis afectados polas consecuencias económicas da pandemia.

Sumando o 1% dos orzamentos da Xunta de Galicia, as catro deputacións e as sete grandes cidades galegas, este "1% hostaleiro" permitiría crear e coordinar un gran plan de axudas directas ao sector por importe de máis de 140 millóns de euros, un orzamento case tres veces superior aos 50 millóns que propón o goberno galego. A Deputación levará esta proposta á reunión convocada polo Clúster de Turismo de Galicia esta tarde en Santiago, á que están convocadas a Xunta de Galicia, as catro deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

"A proposta emula acordos históricos como o de destinar o 0,7% a axudas á cooperación. É o momento de unirnos todos para salvar a hostalaría", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ao remate da reunión que, xunto co vicepresidente e responsable da área de Turismo da institución provincial, Xosé Regueira, mantivo esta mañá coa directiva da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña, presidida por Héctor Cañete.

O presidente da Deputación sostivo que se trata "dunha proposta proporcional, realista e asumible por todas as administracións, na que todos contribuiriamos a partes iguais cun 1% hostaleiro para apoiar a un sector que precisa de axuda urxente e que vén reclamando que deixemos as diferencias políticas de lado e traballemos unidos nun plan de país, coordinando as axudas a un sector do que dependen 66.000 empregos e que representa o 4,5% do PIB en Galicia", afirmou.

González Formoso explicou que a proposta coruñesa incrementaría notablemente o orzamento deste fondo común, pasando de 50 a 140 millóns de euros, o que permitiría axudas de maior contía para os hostaleiros e empresas do sector turístico, así como unha tramitación máis simple, con menos burocracia, ao tramitarse unha única solicitude, apuntou.

"A nosa proposta é destinar ese 1% hostaleiro a salvar a hostalaría das nosas vilas e cidades, das nosas provincias, de Galicia", resumiu o presidente.

O vicepresidente e responsable da Área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou que neste momento tan difícil, pódense facer propostas para "enredar, sen pensar na súa realización, ou para incluír e a nosa é claramente con vocación de resolver dar solucións urxente para un sector que o precisa". Neste sentido, apuntou que unha "proposta para incluír supón poñer sobre a mesa unha porcentaxe que todo o mundo pode achegar, seguindo o principio de proporcionalidade que é o reitor de calquera tipo de medida, mesmo fiscal e xudicial".

Ao respecto, destacou que "con esta porcentaxe do un por cento, podemos asegurar que todas as administracións poden facer ese esforzo, para a Xunta mesmo podería ser maior, mais con esta cantidade pódense integrar todos os concellos, do máis pequeno ao maior".

Lembrou Xosé Regueira que o ánimo de coordinación da Deputación quedou á vista desde o inicio da pandemia nunha carta enviada ao presidente da Xunta na que xa se propuña a colaboración institucional nun fondo único. "Desde o inicio falamos claramente de rescate, non de axuda puntual, que é a única saída posible para un sector con moitísimo emprego e que supón unha parte moi importante do PIB galego", sinalou Regueira ao tempo que destacou que a Deputación da Coruña é a primeira institución que cuantifica esa porcentaxe para o sector. "Agardo que nos comportemos como administracións maduras e sexamos capaces de construír ese mecanismo necesario para salvar o sector que está a padecer verdadeiros dramas familiares ",afirmou.

A hostalaría aplaude a "valentía da proposta"

Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros coruñeses, Héctor Cañete agradeceu "a valentía da Deputación" nesta proposta e defendeu que Deputación e Concello da Coruña "foron pioneiros na posta en marcha do primeiro plan de axudas ao sector".

"Esta proposta responde ao que vimos demandando: un plan de rescate para o sector". "Un plan que nace na Coruña", apuntou Cañete, que destacou que a fórmula do 1% hostaleiro supón un aumento substancial do orzamento, que pasaría de 50 a 140 millóns de euros e simplificaría a tramitación "nun sector no que pequenas empresas tiveron que pedir ata sete subvenciones diferentes" e a maior parte delas nunca pedirán ningún tipo de axuda.

"Pedimos unha vez máis o mesmo: que non haxa colores políticas e que todo o mundo apoie para salvar un sector que está nun risco como nunca estivo e onde hai uns dramas sociais importantes", apuntou o presidente dos hostaleiros coruñeses.

A Deputación destinou 15,5 millóns en axudas aos sectores máis afectados pola pandemia

Valentín González Formoso e Xosé Regueira destacaron tamén, a maiores dos case 10 millóns de euros que a Deputación da Coruña inviste cada ano en emprego, no último ano destináronse 15,5 millóns de euros en axudas directas extraordinarias aos sectores máis afectados pola pandemia, entre elas hostalaría, turismo e pequeno comercio, a través do programa PEL- Reactiva, desenvolvido en colaboración cos concellos da provincia.

12,5 millóns de euros destináronse a axudas aos pequenos negocios afectados polas consecuencias da Covid-19 nos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes (dos que a Deputación achega o 80%, 10 millóns de euros, e os municipios o 20% restante) e outros 3 millóns para suplementar os programas de reactivación económica impulsados polas grandes cidades da provincia: A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.

O PEL-Reactiva, creado polo goberno provincial para paliar os efectos da pandemia entre os autónomos e microempresas da provincia, recibiu máis de 10.000 solicitudes na provincia. As axudas oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros e están sendo adxudicadas polos concellos nestes momentos. Os datos provisionais reflicten unha elevada porcentaxe de axudas destinadas a hostalaría e pequeno comercio. Así, dos 126.000 euros concedidos en Arzúa, o 90% pertencen a estes sectores, mentres que outros concellos coma Padrón (71%), Valdoviño (60%) ou Betanzos (45%) contan tamén con elevadas porcentaxes de axudas concedidas a autónomos e empresas destes sectores.

Ademais, unha de cada tres axudas das liñas ordinarias do Plan de emprego local (PEL) da Deputación para creación de emprego e investimentos durante 2020 destináronse aos sectores de hostalaría, turismo e pequeno comercio, dando como resultado axudas por importe de 1.313.123 euros e a creación de 100 novos postos de traballo.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X