Estás en:Emprego Novas

A Deputación financia a contratación de trece operarios no Concello da Laracha

A través do programa PEL-Concellos, que este ano duplica o seu orzamento para contribuír a paliar as consecuencias da Covid-19, A Laracha recibe 104.000 euros para financiar as contratacións

Seleccionarase a nove peóns, dous capataces e dous traballadores/as para servizos xerais

Primarase a contratación de persoas con especiais dificultades de inserción laboral

A Deputación financia a contratación de trece operarios no Concello da Laracha

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o anuncio dos procesos selectivos para a contratación temporal de trece traballadores/as no Concello da Laracha. As prazas corresponden a nove peóns de obras públicas, dous capataces e dous traballadores/as de servizos xerais, que participarán tamén en labores de vixilancia, control e reparto de material de protección relacionado coa Covid-19.

Todos os traballadores e traballadoras serán contratados por un período de 7 meses, a razón de 30 horas semanais. Os custos laborais e de Seguridade Social son asumidos pola Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de Emprego Local (PEL-Concellos), que este ano duplica o seu orzamento co obxecto de contribuír a paliar as consecuencias da pandemia.

"Con 6 millóns de euros de orzamento en 2021, PEL Concellos é o maior programa de creación de emprego municipal impulsado por unha administración local en Galicia e ofrecerá unha oportunidade laboral a preto de 600 persoas nun contexto social e económico tan difícil coma o actual", explicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.
Este incremento no orzamento do programa supón que A Laracha recibirá este ano 104.000 euros da Deputación para financiar as contratacións, o dobre que o ano pasado, o que lle permite ao municipio contratar a máis persoas durante máis tempo, pasando das 7 persoas contratadas en 2020 ás trece que contratará en 2021.

Os operarios seleccionados integrarán unha brigada de obras destinada a realizar obras e traballos de reparación, mantemento, acondicionamento e mellora de diversas infraestruturas titularidade municipal como parques e xardíns, vías públicas ou beirarrúas

As bases da convocatoria pódense consultar no BOP de hoxe luns. As solicitudes tramitaranse a través da sede electrónica do Concello (https://sede.alaracha.gal)

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos como demandantes de emprego.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X