Estás en:Emprego Novas

A Deputación organiza dous cursos de Instagram nos centros da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

O obxecto dos cursos é mellorar a estratexia de comunicación e potenciar a marca dos proxectos empresariais aloxados na Rede Provincial de Espazos de Traballo

Os cursos "Instagram para emprendedores" e "Sales & Branding en Instagram" desenvolveranse nos distintos espazos de coworking da Rede coa Deputación da Coruña

A Deputación organiza dous cursos de Instagram nos centros da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

O vindeiro venres, 9 de abril, dará comezo o primeiro curso de Instagram para proxectos emprendedores organizado pola Deputación da Coruña no marco da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

Estes cursos de iniciación a Instagram terá unha duración de 8 horas e desenvolverase ao longo de tres xornadas (os días 9, 12 e 13 de abril). Nel analizaranse as diferentes ferramentas que ofrece esta rede social, as normas de estilo para xerar contido orgánico, técnicas e recursos de marketing en perfís de empresa.

Por outra banda, no marco das accións formativas da Rede, tamén terá lugar un curso avanzado sobre esta mesma rede social, o curso de "Sales & Branding". Esta formación desenvolverase ao longo dos días 20, 21, 22, 23, 26, 27 e 29 de abril. Durante as 20 horas de duración as persoas emprendedoras que formen parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo descubrirán as claves para comunicar por Instagram e potenciar a marca do seu proxecto emprendedor nunha das redes sociais máis influentes.

Estes cursos buscan proporcionar unha formación exhaustiva e individualizada a todas as persoas usuarias de coworkings da Rede nunha das redes sociais clave no panorama actual como é Instagram. Con estas formacións a Deputación da Coruña quere dotar aos coworkers de ferramentas útiles que lles permitan crear proxectos emprendedores sustentables e posicionados nas tecnoloxías do século XXI, mellorando as súas habilidades de marketing dixital e, en definitiva, contribuíndo ao desenvolvemento da súa actividade empresarial.

A formación será impartida por Silvia Vázquez Lorenzo, comunicadora, docente e consultora de marketing e comunicación. Licenciada en Xornalismo, actualmente é consultora de marketing e comunicación, profesora universitaria de Marketing no grao de Publicidade e Relacións Públicas e cofundadora da axencia creativa Chewaca. Silvia conta con máis de vinte anos de experiencia, traballou como creativa publicitaria en campañas de comunicación interna e externa para marcas como o Banco de España, Alsa ou Apple e ademais dirixiu o departamento de marketing, atención ao cliente e vendas na multinacional do retail IKEA.

Cun formato "telepresencial", a formadora impartirá o curso en directo de xeito presencial desde as instalacións do coworking do Pazo de Arenaza, mentres que as persoas asistentes participarán de xeito telemático. O número de participantes é limitado co fin de facilitar o asesoramento individualizado e seguimento de cada participante por parte da docente.

Estas formacións responden ás necesidades das persoas usuarias da Rede e se atopan aliñadas cos obxectivos últimos da mesma:dinamizar a actividade empresarial e fortalecer o tecido produtivo a nivel local.

Actualmente a Rede Provincial de coworking conta con espazos adheridos nos concellos de Ames, Oleiros, Carballo, Brión, Boiro, Moeche e A Capela.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X