Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña paga en sete horas as primeiras 100 axudas aos negocios de hostalaría e axencias de viaxes que se acolleron ao plan REACTIVA 2

Desde a apertura do prazo de solicitudes hoxe ás 8.00 da mañá rexistráronse 712 solicitudes

O Plan Reactiva 2 conta cun orzamento de 9 millóns de euros. As axudas teñen unha contía fixa de 1.500 euros e distribúense por orde de solicitude ata o esgotamento do crédito

A Deputación da Coruña paga en sete horas as primeiras 100 axudas aos negocios de hostalaría e axencias de viaxes que se acolleron ao plan REACTIVA 2

A Deputación da Coruña aprobou hoxe o pagamento das 100 primeiras axudas do plan PEL-REACTIVA 2 destinado a autónomos e microempresas dos sectores da hostalaría e axencias de viaxe situadas nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia da Coruña.

Apenas sete horas despois da apertura oficial do prazo de solicitudes, que comezou hoxe luns, 3 de maio, ás 8.00 da mañá, un total de 712 pequenas empresas destes sectores solicitaran acollerse a este plan, das que 100 foron xa aboadas nas contas bancarias dos solicitantes ou están en trámite de pago, nun esforzo sen precedentes por parte dos diferentes servizos da Deputación da Coruña.

O Goberno provincial que preside Valentín González Formoso, consciente da necesidade de tramitar coa máxima celeridade posible o pago das axudas ás empresas e persoas autónomas destes sectores, que están entre os máis afectados pola pandemia, redeseñou por completo o procedemento de tramitación.

"O noso obxectivo foi crear un sistema o máis áxil e eficaz posible, simplificando ao máximo a tramitación administrativa e xestionado todo o proceso directamente desde a propia Deputación", explicou o presidente Valentín González Formoso, que estimou que as axudas, cun orzamento total de 9 millóns de euros, chegarán a uns 6.000 pequenos negocios da provincia.

As axudas desta nova liña do programa REACTIVA específica para hostalaría e axencias de viaxes teñen unha contía fixa de 1.500 euros por persoa ou entidade beneficiaria e concédense por orde de entrada da solicitude ata o esgotamento do crédito, que ascende a 9 millóns de euros.

Unha importante cantidade que se suma aos 15,5 millóns de euros concedidos na primeira edición do programa REACTIVA, impulsado pola Deputación en colaboración cos concellos coruñeses e destinado a autónomos e microempresas de todos os sectores afectados pola pandemia na provincia coruñesa.

Prazo de solicitudes aberto

PEL-Reactiva Hostalería vai dirixido ás persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e ás microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que figuren dadas de alta no IAE con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, en calquera das epígrafes relativas a bares e restaurantes (agrupacións do IAE 67), hospedaxe (epígrafe 68), axencias de viaxe (epígrafe 755) e salas de festa e discotecas (epígrafe 969.1), que non tiñan sido beneficiarios/as das axudas do anterior Fondo de Financiamento para a Reactivación Económica e Social (PEL-REACTIVA) e que teñan o seu domicilio fiscal nun concello de menos 50.000 habitantes da provincia da Coruña

A presentación de solicitudes é integramente telemática, a través da plataforma SUBTeL (https://sede.dacoruna.gal/subtel/) e a única documentación que se precisa é a seguinte:

- Certificado de vida laboral do/a autónomo/a onde conste a data de alta no RETA (no caso de que o/a solicitante sexa persoa física).

- Certificado de situación censual da Axencia Estatal Tributaria, actualizado para os efectos de determinar a data de inicio da actividade.

- Información de datos bancarios:

o Persoas físicas que actúen no seu propio nome: designación de conta bancaria (código IBAN ou CCC).

o Persoas físicas que actúen a través de representante e persoas xurídicas: certificación bancaria ou documento de banca electrónica que conteña o nome ou razón social, o CIF/NIF e a identificación da conta bancaria (código IBAN/CCC)

A boa acollida do plan nestas primeiras horas amosa a necesidade destas axudas destinadas a uns sectores que sufriron especialmente as consecuencias da crise ocasionada pola COVID-19, como son a hostalería e as axencias de viaxes, dous sectores cun importante peso económico na provincia e que manteñen miles de empregos.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X