Estás en:Emprego Novas

González Formoso destaca que a Deputación destinou 25 millóns de euros no último ano a axudas directas para autónomos e pemes dos sectores máis afectados pola pandemia

Formoso destacou que o Escudo Social despregado polo Goberno "foi un dique de contención fronte aos efectos máis duros da crise" e puxo en valor "o excepcional esforzo dos concellos para dar resposta ás novas necesidades provocadas pola pandemia"

O presidente da Deputación inaugurou hoxe o 28 Encuentro de Economía Pública, que este ano acolle a UDC e reúne a prestixiosos profesionais da economía a nivel nacional e internacional para avaliar os efectos da crise

González Formoso destaca que a Deputación destinou 25 millóns de euros no último ano a axudas directas para autónomos e pemes dos sectores máis afectados pola pandemia

O presidente da Deputación inaugurou hoxe o 28 Encuentro de Economía Pública

A Deputación da Coruña destinou no último ano 25 millóns de euros (arredor dun 15% do seu orzamento anual) aos programas REACTIVA de axudas directas destinadas aos autónomos e microempresas dos sectores máis afectados pola pandemia, como a hostalaría, o turismo, a cultura ou o pequeno comercio.

Ademais, o Goberno provincial incrementou tamén nun 137% os fondos destinados aos programas de protección social nos concellos "para non deixar a ninguén atrás na saída da crise".

Así o explicou o presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, que hoxe inaugurou xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a 28º edición do Encuentro de Economía Pública, que este ano acolle a cidade herculina e que reúne a prestixiosos profesionais da economía a nivel nacional e internacional. Debido á Covid-19, o simposio celébrase en liña.

O Congreso centrará boa parte do seu contido en avaliar o alcance e a efectividade das políticas que no eido económico e social se están levando a cabo en diferentes puntos do planeta durante a crise do coronavirus.

"Un exercicio fundamental, non só como parte imprescindible do proceso estratéxico que en calquera ámbito debe comezar sempre marcando uns obxectivos e finalizar cunha avaliación dos resultados, senón tamén porque estes resultados inciden de forma directa na vida das persoas", afirmou o presidente da Deputación.

Formoso lembrou que a pandemia fixo que o PIB español rexistrara unha caída histórica do 11% en 2020 e que, segundo os datos da OIT, se reduciran nun 13,2% o número de horas traballadas no noso país, un impacto equivalente á destrución de máis de 2 millóns de empregos.

"Facer fronte a unha situación así sen políticas públicas adecuadas sería inviable", afirmou Valentín González Formoso, que destacou que o Escudo Social despregado polo Goberno "foi un dique de contención fronte aos efectos máis duros da crise para moitas empresas e moitas familias" e puxo en valor "o excepcional esforzo realizado polos concellos para dar resposta ás novas necesidades provocadas pola pandemia".

O presidente da Deputación da Coruña lamentou tamén a falta de unidade política ante a pandemia . "A confrontación política permanente foi a tónica xeral, incluso para cuestión tan necesarias como a declaración do Estado de Alarma cando o sistema sanitario corría risco de colapso", afirmou.

A conferencia inaugural correu a cargo do profesor Cathal O´Donogue, da Universidade Nacional de Irlanda, co relatorio "Novel welfare state responses intimes of crises: COVID-19 Crisis vs the Great Recession" .

O Congreso será clausurado mañá por Ignacio Moral del Arce, do Instituto de Estudios Fiscales, que falará sobre a avaliación das políticas públicas: utilizar a evidencia na toma de decisións públicas.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X